Hungría, único Estado da UE que estará presente na sinatura do acordo EAU-Israel

Na xornada de hoxe, os Gobernos dos Emiratos Árabes Unidos e de Israel farán oficial o acordo de normalización de relacións diplomáticas. Un pacto que, malia incluír o adiamento da anexión de partes de Cisxordania, pon en perigo a posición palestina –sinalan desde a OLP– de cara á consecución dun Estado independente.
EuropaPress_3295259_handout_31_august_2020_united_arab_emirates_abu_dhabi_the_word_peace_is (1)
photo_camera "Paz", en árabe, inglés e hebreo, e as bandeiras de EAU, EUA e Israel, no primeiro voo israelí a Abu Dhabi (GPO / dpa)

"Palestina converteuse nunha vítima das ambicións electorais do presidente Trump, cuxo equipo tomaría calquera medida, sen importar como de destrutiva sexa para a paz, co fin de lograr a reelección", dicía Saab Erekat, secretario xeral da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) sobre o recente acordo entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos (EAU) para normalizar as relacións. Un pacto que se conseguiu grazas á mediación da Casa Branca.

O recoñecemento como iguais por parte do Goberno emiratí leva parello o adiamento da anexión de partes do territorio ocupado de Cisxordania previsto polo israelí. As autoridades palestinas e os seus aliados rexionais consideran que a decisión dos EAU pon en perigo a súa posición de cara á consecución dun Estado independente. A normalización de relacións sen maiores concesións ─argumentan─ axuda ao recoñecemento internacional da soberanía israelí sobre os territorios que ocupou. 

Neste sentido, Trump anunciou na sexta feira que Bahrain tamén se uniría ao acordo, fortalecendo a oposición rexional ao Irán, ao que os Estados Unidos de América (EUA) e outros países da zona como Israel ─mais tamén os EAU e Arabia Saudí─ ven como a maior ameaza para os seus intereses.

Segundo apuntou na pasada fin de semana The Times of Israel citando fontes israelís, Trump comprometeuse cos EAU a que Washington non recoñecerá a anexión de Cisxordania por Israel "até polo menos 2024". De acordo con esta información, para os EAU foi unha prioridade chave obter este compromiso.

Na práctica, o acordo anunciado o pasado 13 de agosto pon fin ao bloqueo comercial que os EAU mantiñan sobre Israel e permite a cooperacións en diversos ámbitos. Nomeadamente, no económico e comercial entre a potencia petrolífera emiratí e a israelí, puxante no mercado de diamantes, compañías farmacéuticas e empresas tecnolóxicas.

Sinatura oficial

Hoxe formalízase en Washington esta nova relación bilateral coa sinatura oficial do acordo. Contará coa presenza do primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, e do ministro de Exteriores dos EAU, Sheikh Abdullah bin Zayed Al Nahyan, irmán de Mohammed, o príncipe herdeiro. 

No acto tamén estarán presentes representantes gobernamentais de países de todo o mundo. Non así ningún ministro dos Estados membros da Unión Europea, agás Hungría, segundo o revelado nas últimas horas polo portavoz do ministerio de Exteriores deste país. "Ao convite do presidente dos EUA, Donald Trump, como único ministro da Unión Europea, o ministro de Exteriores, Péter Szijjártó, tamén participará na cerimonia de sinatura na Casa Branca na terza feira [por hoxe]", dixo Mate Paczolay á axencia de noticias MTI.

O máximo representante da Política Exterior comunitaria, Josep Borrell, manifestou a posición de Bruxelas sobre o acordo a través dunha entrada na súa conta de Twitter: "Recibo con agrado a normalización das relacións EAU-Israel; beneficia a ambos os dous e é importante para a estabilidade rexional".

Borrell engadiu que "suspender a anexión é un paso positivo, o plan debería ser abandonado completamente", ademais de manifestar que a "Unión Europea desexa a reactivación das negociacións israelí-palestinas para unha solución de dous Estados baseada nos parámetros acordados internacionalmente".

Pola súa banda, o primeiro ministro de Hungría, Viktor Orbán, cuxas retórica anti inmigración e políticas de erosión dos estándares democráticos na xustiza e noutros ámbitos, así como os ataques á comunidade LGTB, crean continuos conflitos con Bruxelas, é un grande admirador de Trump desde os seus inicios.

O seu ministro de Exteriores escribiu en Facebook na fin de semana: "Desde que a Casa Branca preparou a axenda para estabilizar a rexión, este foi o segundo desenvolvemento que proba que este é o mellor plan de paz até agora e promete traer paz a Oriente Próximo finalmente".

Polo tanto, "o presidente dos Estados Unidos merece gratitude", engadiu Szijjártó, que tamén hoxe manterá unha xuntanza co asesor e xenro de Trump, Jared Kushner, o arquitecto do que o propio mandatario bautizou como o "Acordo do século".

Serbia inclúe Hezbolá na lista de organizacións terroristas no marco dos acordos cos EUA e Israel

Como parte dos acordos de colaboración económica cos Estados Unidos, no marco das negociacións para normalizar relacións ente Serbia e Kosovo, Belgrado anunciou a inclusión de Hezbolá como organización terrorista, ao igual que xa fan a Unión Europea e o propio Goberno do país norteamericano. 

Un comunicado emitido nas últimas horas e asinado polo secretario de Estado estadounidense valora a decisión como "outro importante paso para limitar a habilidade deste grupo terrorista apoiado polo Irán para operar en Europa". Serbia comprometeuse ademais a trasladar a súa embaixada en Israel de Tel Aviv a Xerusalén antes do 1 de xullo de 2021. O presidente serbio, Aleksandar Vucic, remarcou na súa conta de Instagram que "a amizade entre os pobos serbio e xudeu foi reafirmada".

Comentarios