Hungría iguala homosexuais con pedófilos

O Parlamento de Hungría aprobou onte unha lei para loitar contra a pederastia, que inclúe a prohibición de facilitar aos menores contidos literarios ou educativos onde se represente a homosexualidade. As ONG cren que é unha manobra política de cara ás eleccións, cos gays recollendo o testemuño dos inmigrantes.
EuropaPress_3782845_15_june_2021_hungary_budapest_hungarian_prime_minister_viktor_orban_is_seen
photo_camera O primeiro ministro, Viktor Orbán, onte en Budapest antes do partido contra Portugal da Eurocopa (Foto: Robert Michael / dpa-Zentralbild)

"Moralmente non hai diferenzas no comportamento dun pedófilo e dos homosexuais que queren adoptar. En ambos os dous casos, o neno é un obxecto, un artigo de luxo, a ferramenta usada para a realización e satisfacción propias", manifestaba en maio de 2019 László Kövér, actual presidente do Parlamento de Hungría e fundador de Fidesz, o partido do primeiro ministro Viktor Orbán.

Ese Parlamento, grazas a maioría dese partido e por iniciativa dese Goberno, aprobou onte unha lei que prohibe difundir entre os menores de idade calquera contido que represente ou promova a homosexualidade ou a transexualidade. A norma ten como obxectivo principal loitar contra a pedofilia, mais incluíu este punto sobre material educativo, literario ou audiovisual "pornográfico".

A manobra parlamentaria puxo a oposición na difícil postura de se opor a unha lei contra a pederastia, polo que finalmente decidiu boicotear a votación e ausentarse, segundo informou o diario Népszava (progresista). Aprobouse finalmente coa maioría do Fidesz e co apoio do grupo opositor de dereitas Jobbik.

As persoas LGTBI húngaras ─ao igual que acontece en Polonia, outro Estado membro da UE─ teñen menos dereitos que as heterosexuais. En novembro do ano pasado modificouse a Constitución para remarcar, por exemplo, os roles familiares: "a nai, unha muller; o pai, un home". Uns meses antes impediuse o recoñecemento legal do cambio de sexo e limitouse a adopción a parellas casadas (o matrimonio homosexual tamén está prohibido constitucionalmente).  

Na segunda feira, a Comisaria de Dereitos Humanos do Consello de Europa, Dunja Mijatović, ─organismo sen relación ningunha coa UE─ advertiu que a introdución dos puntos sobre homosexualidade na lei contra a pedofilia "vai en contra dos estándares europeos e internacionais en dereitos humanos". "É enganoso e falso que fosen introducidos para protexer a infancia", engadiu.

Ganancia política

Os activistas polos dereitos homosexuais e varias ONG ─entre estas Amnistía Internacional─ compararon a nova norma coa lei de "propaganda gay" aprobada en Rusia en 2013. Lei que Human Right Watch (HRW) definiu como "clásico exemplo de homofobia política", que "intimida minorías sexuais e de xénero vulnerábeis co fin de obter ganancias políticas".

Neste mesmo marco é que se interpreta a nova norma húngara, co horizonte ─a máis tardar─ da próxima primavera para as eleccións xerais. As enquisas recompiladas por Politico rexistran que a coalición de partidos opositores que ten previsto presentarse conxuntamente podería desbancar ao Fidesz de Orbán do Goberno. 

Unha destas formacións é o Jobbik, que malia votar canda a Fidesz prometeu retirar "tras as eleccións" eses puntos da lei contra a pederastia "que non teñen relación co tema". Os outros cinco partidos opositores son MSZP (socialdemócrata), DK (centroesquerda), LMP (verde liberal) Párbeszéd (verde socialdemócrata) e Momentum (centro liberal).

Tamás Dombos, directivo de Háttér, ONG polos dereitos do colectivo LGTBI, afirmou que o intenso acoso dos últimos tempos por parte do Goberno prodúcese "porque xa non pode forxar o seu capital na cuestión dos refuxiados, na migración; cumpría unha nova imaxe do inimigo". 

Manifestación

Fíxoo tras a manifestación que se desenvolveu en Budapest na véspera da votación e que congregou 10.000 persoas e recolleu 100.000 sinaturas, segundo a organización, para protestar contra a nova norma.

"Están tentando atopar un asunto que mobilice a súa base electoral", afirmou Dombos. "Non falar de corrupción ou do desmantelamento das institucións democráticas, senón dos gays, cara aos que por desgraza hai resentimento na sociedade húngara", dixo.

Tamén relacionou a manobra de ligar pedofilia con homosexualidade co obxectivo de crear unha fenda no bloque de partidos da oposición, pólos "nun lugar onde poderían ser acusados de seren amigos dos pedófilos, de apoiaren a pedofilia, porque non votaron a favor dunha lei antipedófila".

Meu dito meu feito. O diario progobernamental Magyar Nemzet, o segundo periódico máis lido en Hungría, informaba onte da aprobación da nova norma cun "A baloldal a pedofilok oldalára állt" ("A esquerda púxose do lados dos pedófilos"). 

Aprobada a cesión de terreos públicos para a construción dunha universidade chinesa

O Parlamento húngaro tamén aprobou, a proposta do Goberno, a cesión de terreos públicos en Budapest á beira do Danubio, onde agora se localiza unha residencia estudantil, para a construción dun campus da universidade chinesa de Fudan, con sede en Shanghai. A oposición considera que é abrir o país á influencia chinesa e afastarse máis da UE. Pola contra, Orbán defende que atraerá novos centros de investigación e desenvolvemento a un país que depende do investimento estranxeiro para medrar.

A cuestión volveuse un tema de campaña electoral, cunha manifestación (na imaxe) hai días na capital. O seu alcalde, Gergely Karacsony, do Párbeszéd ─un dos favoritos a enfrontarse nas eleccións xerais a Orbán─ dixo en Facebook que "96% [dos habitantes] non quere unha universidade comunista chinesa na zona". En forma de protesta, renomeou as rúas do lugar con nomes como "Rúa Dalai Lama" ou "Avenida dos Uighur". 

Comentarios