HRW alerta do uso de bombas de dispersión por parte de Rusia e Ucraína, que non o negan

Ningún destes países asinou o tratado internacional, subscrito por 110 estados, que prohíbe o uso deste tipo de municións polos enormes danos humanos e en infraestruturas que provocan.
ONGs constataron o uso de bombas de acio en Kharkiv. (Foto: Alex Chan Tsz Yuk / SOPA Images)
photo_camera ONGs constataron o uso de bombas de acio en Kharkiv. (Foto: Alex Chan Tsz Yuk / SOPA Images)

A ONG Human Rights Watch (HRW) vén de pór de manifesto, máis unha vez, o uso de bombas de dispersión por parte das forzas armadas de Rusia e Ucraína. Esta munición está prohibida desde 2008 pola Convención sobre Municións de Dispersión de Oslo, un acordo subscrito por 110 países entre os que non se atopan estes dous nin tampouco, por exemplo, os EUA, China ou Israel.

En concreto, a directiva de HRW Mary Wareham alerta do uso "reiterado" de bombas de dispersión polo Exército ruso, "en ataques que mataron centos de civís e danaron casas, hospitais e infraestruturas".

Estes ataques producíronse en "zonas moi poboadas" das cidades de Chernihiv, Kharkiv, Mykolaiv e Vuhledar. Se ben a ONG descoñece o "número exacto" de ataques con este tipo de armamento desde que principiou a guerra en febreiro, afirma que "centos foron documentados ou denunciados".

No seu informe, HRW sinala tamén o uso desta munición por parte do Exército ucraíno, citando unha investigación de The New York Times: "As bombas de dispersión foron utilizadas nun ataque contra Husarivka, no óblast de Kharkiv, contra o 6 ou 7 de marzo, cando a vila estaba baixo control ruso".

As municións de dispersión poden ser disparadas desde o chan mediante sistemas de artillaría como foguetes e proxectís ou lanzadas desde avións. "Normalmente se dispersan no aire, espallando múltiples submunicións ou bombas indiscriminadamente pola zona. Moitas non chegan a explotar no impacto inicial, deixando restos de munición perigosos que poden matar e mutilar civís, como minas terrestres, durante anos ou mesmo décadas a menos que se limpen e destrúan", informan desde HRW.

A ONG pon o foco en que ningún destes países negou ter utilizado este tipo de munición. "A maior parte do mundo rexeitou as municións de dispersión hai anos debido aos seus efectos indiscriminados xeneralizados e aos perigos duradeiros. Condenar o uso de municións de dispersión en Ucraína reforzará a posición global contra estas armas e axudará a garantir que os civís estean protexidos delas no futuro", dixo Wareham.

Case seis millóns de refuxiados

Por outra parte, esta cuarta feira a ONU informou de que o número de persoas desprazadas por mor da guerra rolda xa os 6 millóns e, desde o pasado 24 de febreiro, o país perdeu 4,8 millóns de empregos.

Comentarios