A "Embaixada Aborixe" fai medio século

Mobilizacións en toda Australia polos dereitos dos pobos orixinarios, coincidindo co Día Nacional ou ─para os pobos orixinarios─ Día da Invasión.
EuropaPress_4217021_bike_rider_holds_an_aboriginal_flag_during_protest_marking_the_50th
photo_camera Motoristas coa bandeira aborixe ao seu paso polo Parlamento australiano, en Camberra, no 50º aniversario da Embaixada Aborixe (Foto: Lukas Coch / AAP Image)

Miles de persoas marcharon nas últimas horas polas cidades de Australia para reivindicar os dereitos dos pobos orixinarios coincidindo co Día Nacional do país. O 26 de xaneiro de 1788, Arthur Phillip izou a bandeira do Reino Unido en Warrane (a cala de Sydney, no nome inglés) e reclamou este territorio como británico. Dese día en diante, iniciouse un longo e sanguento proceso colonizador sobre esa terra e sobre os seus habitantes orixinarios. Os investigadores documentaron 311 masacres entre 1788 e 1930 no Estado de Victoria, onde se concentraba a maioría da poboación indíxena.

Unha data controvertida no calendario, que os defensores dos pobos indíxenas conmemoran como o Día da Invasión, recolleu o diario The Australian. Especial foi a de hai 50 anos, un 27 de xaneiro como o desta quinta feira, cando un grupo de catro mozos ─Billy Craigie, Bert Williams, Michael Anderson e Tony Coorey─ chantou un parasol na leira que se estende diante do Parlamento australiano, na capital Camberra, e un cartel pintado a man onde se lía: "Embaixada Aborixe". 

O obxectivo era chamar a atención da cidadanía sobre os abusos continuados aos dereitos máis básicos dos pobos orixinarios de Australia. Unha reivindicación que axiña resoou en todo o mundo no marco das loitas descolonizadoras da época. 

Culminábase unha década de conquistas, como o dereito ao voto recoñecido en 1965, ano en que se produciu a Viaxe pola Liberdade, unha marcha para denunciar a segregación racial, inspirada no Freedom Ride de catro anos antes nos Estados Unidos.

A Embaixada Aborixe axiña comezou a medrar co apoio de activistas de todo o país. Tamén embaixadas de países estranxeiros en Australia convidaron o grupo de catro para expor a situación de violación de dereitos dos aborixes. O Goberno, a través das forzas policiais, tentou varias veces sen éxito desmantelar o pequeno campamento. A día de hoxe, mantense en pé.

Racismo e terras

Tamén en pé se manteñen o racismo e a discriminación cara aos pobos orixinarios australianos. Malia representar actualmente 3,3% da poboación, máis de 28% das persoas encarceradas en Australia son indíxenas. Ademais, supoñen a máis alta porcentaxe de mortes baixo custodia policial: un total de 441 indíxenas faleceron desde 1991 mentres estaban detidos. Até agora, nin un só axente foi imputado.

Paralelamente aos actos de celebración esta quinta feira do 50º aniversario da Embaixada Aborixe, tamén houbo nas horas previas manifestacións por todas as cidades australianas, segundo informou a TV pública, ABC. En Melbourne viviuse unha xornada de loito virtual pola pandemia da Covid. 

A loita polas terras foi e continúa a ser o principal conflito. A Embaixada Aborixe presentou en 1972 unha serie de demandas ao Goberno australiano, entre estas o respecto aos lugares sagrados e o recoñecemento dos dereitos de propiedade dos indíxenas sobre o seu territorio ancestral. Incluídos ─eis a pugna capital en todo este tempo─ os de explotación mineira.

As reivindicacións nunca pararon: xa en 1888, no centenario do inicio da colonización, os líderes aborixes boicotearon os actos oficiais de celebración. Tamén en 1938, no 150º aniversario, organizáronse protestas e unha masiva marcha silenciosa polas rúas de Sydney. E na actualidade, a Embaixada Aborixe continúa a ser a máis longa protesta en marcha da historia polos dereitos de propiedade das terras, pola soberanía e pola autodeterminación. 

Controversia polo dereito de propiedade da bandeira aborixe

Coincidindo coa polémica data de celebración do Día Nacional de Australia ─que os defensores dos indíxenas queren que sexa mudada─, o Goberno anunciou a adquisición por 20 millóns de dólares australianos (12,67 millóns de euros) do copyright da bandeira aborixe, até agora en mans dunha empresa non indíxena. O uso do deseño para impresións, insignias ou formatos dixitais será libre. Os dereitos de manufactura da bandeira física serán cobrados agora polo Goberno, que os usará para financiar o Naidoc, a semana de celebracións da cultura indíxena desenvolvida anualmente en xullo. 

Comentarios