Hora de a UE protexer as súas minorías

"Unida na diversidade" é o lema da Unión Europea. Mais son millóns os cidadáns que, ben pola súa cultura, pola súa lingua ou pola súa orixe nacional, non se senten nel representados. A iniciativa cidadá europea que hoxe se vota pretende que cunha maior defensa dos dereitos das minorías o lema teña por fin sentido pleno.  
minority_eu
photo_camera O símbolo que identifica a iniciativa, servindo de paraugas de minorías nesta ilustración alegórica (Foto: Minority SafePack)

A Eurocámara vota esta quinta feira unha iniciativa cidadá europea ─unha iniciativa lexislativa popular a nivel da UE─ co fin de solicitar ás autoridades comunitarias medidas para defender, protexer e promover os dereitos das minorías nacionais e lingüísticas europeas. "50 millóns de cidadáns da UE pertencen a minorías e grupos lingüísticos tradicionais. Estas linguas e culturas son un tesouro agochado de Europa e cómpre que sexan promovidas e protexidas", apuntan os seus promotores.

A iniciativa, Minority SafePack, foi impulsada polo partido Unión Democrática de Húngaros en Romanía (RMDSz, nas siglas en húngaro) e coordinada pola Unión Federal de Nacionalidades Europeas (FUEN, en inglés). A campaña botou a andar en abril de 2017. No período dun ano lográronse recoller un total de 1.123.422 en 11 Estados membros da UE (Romanía, Eslovaquia, Hungría, Letonia, España, Croacia, Dinamarca, Bulgaria, Eslovenia, Lituania e Italia).

En febreiro deste ano foi presentada ante a Comisión Europea e, finalmente, na pasada segunda feira chegou ao pleno do Parlamento Europeo para ser debatida. Tras a presentación de emendas, mañá pola mañá será votada. O resultado coñecerase a partir das 13 horas. 

Desprotección

Vincze Loránt, eurodeputado pola RMDSz e presidente da FUEN, pediu á Comisión Europea que "escoite as voces, as expectativas" deses máis de 1,1 millóns de cidadáns da UE que "están a pedir que se free o declive demográfico e a perda lingüística" no territorio comunitario.

Destacou que "se ben hai Estados membros da UE onde as minorías nacionais son protexidas e respectadas, tamén hai países onde mesmo non son recoñecidas" e "noutros casos, os Estados non ratifican as leis xa existentes para a protección das minorías". Ademais, pediu que se dean pasos iguais aos tomados pola Comisión para protexer outras minorías. "Debería facer o mesmo polas minorías nacionais e lingüísticas autóctonas. Protexamos o noso patrimonio europeo común", exixiu.

A RMDSz fai parte do grupo parlamentario do Partido Popular Europeo, mais o apoio chegou tamén desde outras bancadas. Malik Azmani, vicepresidente primeiro de Renew (Renovar Europa, que inclúe formacións como a vasca PNV, a española Ciudadanos ou a francesa A República en Marcha) tamén secundou a moción: "Coido que un dos valores na cerna da nosa Unión é o respecto que temos pola diversidade cultural e lingüística e pola protección dos dereitos das minorías".

Sen pasaporte

Desde a esquerda da Cámara tamén se defendeu a proposta. O corso François Alfonsi, deputado de Os Verdes/Alianza Libre Europea (ALE) e copresidente do grupo interparlamentario para minorías e comunidades nacionais e linguas, salientou que "esta é unha cuestión que protagoniza décadas de relacións conflitivas en varios Estados membros. A UE ten que ser máis democrática, máis inclusiva e máis diversa".

Tatjana Ždanoka, tamén eurodeputada de ALE e responsábel dos dereitos das minorías lingüísticas, apuntou que "a lexislación comunitaria garante o dereito a ter residencia, traballar, gozar de servizos sociais, participar nas eleccións locais e europeas á cidadanía da UE en calquera Estados membros diferente ao propio. Porén, non garante estes dereitos ás persoas sen Estado". 

Ždanoka facía referencia a comunidades como a xitana, onde no seu país, Letonia, representan 10% da poboación. O pobo romaní, unha minoría sen Estado en Europa, confórmano na UE entre 10 e 12 millóns de habitantes. Precisamente unha das propostas incluídas na iniciativa Minority SafePack é a de achegar a equidade a este tipo de minorías a respecto dos seus dereitos como residentes comunitarios aínda que non teñan a nacionalidade de ningún Estado membro.

A discriminación aos xitanos é recorrente na UE. En xullo de 2010, o entón presidente de Francia, Nicolas Sarkozy, iniciou a expulsión de todos os ciganos non franceses que vivían en "situación irregular" no país. A maioría foron deportados a Romanía e Bulgaria, os seus países de orixe. O Parlamento Europeo, Nacións Unidas, ONG ou a Santa Sede criticaron con dureza as expulsións, con referencias ao Porraimos, o xenocidio xitano realizado pola Alemaña nazi.

Igualdade cultural dentro dos Estados ou frear a extinción de máis linguas en Europa

A iniciativa Minority SafePack recolle varias historias a modo de exemplo para facer ver a importancia da proposta. Por exemplo, os problemas de comunicación e confusións que provoca unha chamada ao número de emerxencia 112 dunha muller en Frisia ─nación histórica dentro dos Países Baixos─ que é atendida por unha operadora que só fala neerlandés.

Tamén a importancia que un festival de música tradicional bretoa pode ter para revitalizar toda unha cultura minoritaria dentro do Estado francés, e a necesidade de que a UE axude financeiramente a que estes eventos se poidan desenvolver.

Ou as dificultades que sofren os habitantes da provincia italiana autónoma de Bolzano, o Tirol do Sur ─falantes de alemán─, para accederen a certos contidos audiovisuais na súa lingua materna debido as "fronteiras dixitais" que impiden, por dereitos de propiedade, ver os emitidos en Estados veciños.

Comentarios