As autoridades sanitarias recomendan quedar na casa para evitar novos gromos de coronavirus

Hong Kong está ao bordo do colapso polos contaxios

A pandemia está descontrolada nesta rexión autónoma da China e as autoridades recomendan á cidadanía permanecer illada para evitar que o sistema sanitario non poda garantir a atención. Se segue o ritmo de contaxio pode darse "un gromo comunitario a grande escala"
EuropaPress_3251742_dpatop_26_july_2020_china_hong_kong_security_tapes_block_path_to_prevent
photo_camera As autoridades pecharon moitos accesos da cidade (Foto: May James / Zuma Wise)

Os gromos da Covid-19 que se están a producir por todo o mundo sitúan coa coreda no pescozo a rexión de Hong Kong. A conselleira delegada desa zona, Carrie Lam, vén de avisar de que o sistema sanitario corre o risco de colapsar se os contaxios seguen ao mesmo ritmo que até o de agora. 

Lam advertiu á poboación de que o equipamento de saúde pode "colapsar" co aumento dos casos na rexión. A representante política desta zona autónoma da República Chinesa recomendou á cidadanía que quede na casa  porque están "preto dun gromo comunitario a grande escala". Ademais, anunciou a toma de novas medidas para reducir o risco de contaxio. Por exemplo, desde onte é obrigatorio o uso dos gardabicos en todos os espazos públicos e optouse por fechar os negocios de restauración para evitar grandes aglomeracións.    

Se ben é certo que nun primeiro momento Hong Kong era visto desde outras partes do mundo como un exemplo de xestión na loita contra a Covid-19, agora detéctanse da orde de máis dun centenar de casos activos novos cada xornada. Hai tan só un mes a cifra de crecemento era de 10 doentes ao día. 

Segundo fontes sanitarias, a pasada terza feira rexistráronse 106 pacientes e na segunda feira houbo unha relación de 145 persoas afectadas. O territorio asiático suma até o de agora 2.884 casos confirmados e 23 falecementos. Os datos facilitounos a universidade norteamericana Johns Hopkins.

O aumento de casos pode provocar "o colapso do sistema hospitalario e custar a vida, especialmente para persoas maiores", incidiu Carrie Lam, coa intención de conciencias ás veciñas e veciños para que tomen precaucións. A principios de xullo estaban permitidas as reunións de até 50 persoas, mais este número reduciuse a catro. Agora está en dúas asistentes a eses encontros.

China, en cifras de abril

Pola súa banda, no contexto xeral ds China houbo 101 novos positivos nesta pasada terza feira. A situación tamén é de risco porque as autoridades sanitarias do país non vían unha cifra diaria tan alta de novas persoas infectadas desde o mes de abril, cando a pandemia estaba en plena expansión. 

A gran maioría dos casos de doentes activos (en concreto, 89) rexistráronse no noroeste do Estado, na rexión de Xinjiang. Un dos doentes está en Pequín e tres infeccións son importadas.

Comentarios