Procesamento ao soberanismo catalán

Homs non nega os feitos no comezo do seu xuízo no TS mais afirma que non son delito

"Asumo os feitos, mais discuto que os feitos constitúan un ilícito penal. Paréceme clarisimamente que non", afirmou no comezo do seu xuízo no Tribunal Supremo Francesc Homs. En 2014 Homs era conselleiro da Presidencia do Govern durante a consulta soberanista do 9N. Para o agora deputado no Congreso non pode ser considerado delito colaborar na realización dunha "consulta participativa".

Francesc Homs. Xuízo polo 9N.
photo_camera Francesc Homs. Xuízo polo 9N.

A liña de defensa de Homs é basicamente non negar os feitos que se lle imputan -nen sequer unha carta dirixida á empresa informática encarregada da consulta, enviada dous días despois da suspensión do referendo ditada polo Tribunal Constitucional- senón argumentar que non constitúen "un ilícito penal".

O principal argumento da defensa sería o documento da xunta de fiscais de Catalunya que no seu día se pronunciaron no sentido de non ver indicios de delito nos comportamentos do Govern.

Homs reiterou que unha vez coñecida a suspensión por parte do TC (ocorreu o 4N) o Govern tomou a decisión de retirarse do proceso e de facer recaer a súa organización no Pacte Nacional pel Dret a Decidir.

O dirixente soberanista puxo en destaque que no momento en que se decidiu realizar a convocatoria esta ía ser respaldada por arredor de 20 mil voluntarios e que ao final do proceso "foron até 40.000" os que se despregaron para que o 9N se puidese materializar. "Non coñezo ningún proceso participativo parecido en toda Europa", valorizou Homs durante o interrogatorio.

O Govern recebeu a comunicación do TC nun momento en que se achaba reunido, revelou Homs. A partir daí, o executivo catalán decidiu enviar un recurso ao Tribunal Supremo por considerar que "o Goberno español cometera un abuso de direito" ao interpor un recurso de competencias -cuxa toma en consideración comportaba a suspensión da consulta- no canto dun "incidente de execución", dixo o daquela conselleiro da Presidencia.

Precisamente sobre este asunto quería a defensa de Homs interrogar o presidente do goberno español e o ministro de Xustiza -Mariano Rajoy e Rafael Catalá, respectivamente- mais a petición da súa comparecencia en calidade de testemuñas foi rexeitada polo tribunal.

Homs enfronta unha petición de pena de 9 anos de inhabilitación pola pretensa comisión dos delitos de desobediencia e prevaricación. 

O actual portavoz no Congreso do Partit Demòcrata Europeu Català chegou ao Supremo acompañado dunha comitiva formada por arredor de 100 persoas do mundo independentista, entre elas o ex presidente da Generalitat, Artur Mas, quen deixou esta frase: "Un xuízo por pór as urnas nunca debería terse realizado".

Comentarios