Dispara a un manifestante nunha protesta pola morte de Floyd en Seattle

O autor irrompeu co seu turismo nunha marcha na cidade de Seattle, nun incidente que trouxo á memoria o atropelo de 2017 en Charlottesville
EuropaPress_3184103_captura_imagen_video_difundido_diario_seattle_times
photo_camera Captura da imaxe do vídeo difundido polo diario 'Seattle Times' (Seattle Times / Europa Press)

Un home irrompeu co seu turismo nunha manifestación en memoria de George Floyd organizada o domingo pola noite (madrugada de onte na Galiza) na cidade de Seattle, no noroeste dos Estados Unidos, e disparou contra un dos manifestantes que lle intentou cortar o paso, segundo informou o diario local Seattle Times.

O rotativo difundiu un vídeo onde se pode ver o home circulando co seu coche entre manifestantes até que varios deles lle cortan o paso. Nese momento, desde o interior do turismo, o home realizou un disparo cunha pistola e abandonou o vehículo.

O ferido, un home negro, quedou tirado no chan e o autor do disparo saíu correndo, sendo perseguido por varios manifestantes. Tras tratar de pasar desapercibido entre a marcha, a Policía acabou deténdoo.

Segundo as testemuñas, esta persoa irrompeu co vehículo na zona da protesta e varios dos manifestantes comezaron a berrarlle. Un destes colocou unhas placas metálicas fronte ao coche para obrigalo a parar.

"Cría que ía seguir cara a adiante contra a multitude", contou B.J. Hayes, un dos participantes nesta protesta pola morte de George Floyd, o cidadán negro que morreu baixo custodia da Policía en Mineápolis o 25 de maio. "Estaba convencido que ía ver unha chea de cadáveres voando", asegurou.

Atropelo de Charlottesville

O home que recibiu o disparo estaba situado xunto ao lateral do coche. O autor saíu del ameazando coa pistola a xente que se atopaba ao seu paso.

Varias persoas e traballadores sanitarios atenderon a vítima, que finalmente puido chegar polo seu propio pé, axudado por varios facultativos, até unha ambulancia medicalizada onde recibiu atención médica. "Escoitei o disparo alcanzándome o brazo. Todo o que quería facer era protexer esas persoas", dixo.

O incidente lembra ao sucedido o 12 de agosto de 2017 na cidade de Charlottesville, no estado de Virxinia, onde un mozo branco de ideoloxía neonazi, James Fields, matou unha manifestante, Heather Heayer, e feriu outros 35 tras atropelalos co coche del durante unha protesta antirracista.

Fields foi condenado a cadea perpetua despois de chegar a un acordo co fiscal polo que se declarou culpable de 29 cargos de delitos de odio e a Fiscalía retirou a petición de pena de morte.

Comentarios