Histórica vitoria do Sinn Féin en Irlanda

A súa líder, Mary Lou McDonald, afirma á televisión irlandesa que o cambio constitucional e a unificación “nunca estiveron tan cerca”

Mary Lou McDonald presidenta do Sinn Féin (Niall_Carson)
photo_camera Mary Lou McDonald presidenta do Sinn Féin (Niall Carson)

A vitoria do Sinn Féin, partido que reivindica a reunificación de Irlanda coa convocatoria dun referendo en Irlanda do Norte, é histórica. As eleccións adiantáronse hai tres semanas nun momento político moi marcado polo Brexit. O resultado confirma que Sinn Féin sacou partido dos principais problemas que ten agora a cidadanía irlandesa como a dificultade no acceso á vivenda, as carencias na sanidade e o aumento da idade de xubilación. A falta de resolución destes problemas por parte do partido qu leva nove anos no poder, o Fine Gael, foi peza chave para que se deran estes resultados.

A líder de Sinn Fein, Mary Lou McDonald, afirmou á televisión irlandesa que esta vitoria é “sísmica e histórica". Asegura que “falará con todos e escoitará a todos ... o meu obxectivo é brindar solucións". En relación á formación do novo goberno asegura que non tivo novas de Fianna Fáil e Fine Gael, mais que xa falou cos Verdes, socialdemócratas e Solidarity-People Before Profit sobre a formación do vindeiro goberno. Afirma tamén que o cambio constitucional e a unificación “nunca estiveron tan cerca” e que necesitan “facer os preparativos”. Aínda así confirma que non sabe cando haberá un referendo na fronteira. Unha cousa ten clara, quere “formar un goberno sin Fine Gael ou Fianna Fáil”.

Co 96% escrutado o resultado destas eleccións marcou unha marxe moi axustada entre o Sinn Féin (24,1%), Fianna Fáil (22,2%) e Fine Gael (22,1%). As cuarta formación en votos foron os verdes (7,4%) seguidos dos Laboristas (4,1%), SD (3 %, S-PBP (2,8%) e independentes (12,1%).

Comentarios