Hillary Clinton: “Esta derrota doe moito”

Unha emocionada candidata demócrata afirma que “debemos aceptar o resultado” e chama a comezar a traballar desde xa por “un soño americano abondo grande para todos”.

hillary clinton
photo_camera H. Clinton

Hillary Clinton compareceu perante os medios case dez horas despois de se coñecer a vitoria de Donald Trump. A demócrata, emocionada, recoñeceu a dureza da derrota, unha derrota para a que non estaba preparada, mais tamén inzou o seu discurso de chamadas á esperanza e de se poñer a traballar desde xa para “mirar ao futuro” de Estados Unidos. Acabou, como é obrigado en EUA, co 'God bless you' (Deus vos bendiga) que tan transversal é nese país. Tivo referenzas para as mulleres, para os gais, para a mocidade...tres colectivos que os demócratas consideran que saíron especialmente perdedores destas eleccións.

Clinton deixou claro que asumía os resultados, algo que hai unhas horas non semellaba tan claro. Tanto pola súa negativa a comparecer en público na noite electoral como polos ruxes ruxes recollidos por diversos medios sobre a posibilidade de que os demócratas puidesen impugnar os comicios. Co peso dos minutos, esvaeuse esa posibilidade. E Clinton deixouno claro na súa intervención: “Donald Trump vai ser o noso presidente”, dixo.

“Sinto non gañar estas eleccións polos valores que compartimos”, comezou dicinco, para apelar a continuación aos presentes e aos seus votantes: “sei o decepcionados que estades porque eu tamén o estou”. A candidata demócrata aseverou rotunda: “Creo en América. Se vós tamén, debemos aceptar o resultado e mirar para o futuro”. Referiuse á mocidade para lles dicir que “esta derrota doa, mais nunca deixedes de crer que loitar polo ben sempre paga a pena”.


 

Comentarios