Hermann Tertsch di que "toda democracia" tería aplaudido o fusilamento de Companys

Lluis Companys, presidente da Generalitat de Catalunya, foi fusilado en Barcelona en 1940, depois de ter sido entregado a Franco pola Gestapo. O columnista de ABC Hermann Tertsch escrebeu hoxe en twitter que o fusilamento de Companys é "das poucas execucións de Franco que tería aplaudido toda democracia".

Chio HT
photo_camera Chio HT

Tertsch, ex subdirector de El País, é un columnista coñecido polo seu pensamento ultraconservador e tamén polo seu activismo na rede social twitter.

Hoxe emitiu o seguinte chío: "ERC vaise querelar contra o Estado polo fusilamento de Companys. Das poucas execucións de Franco que tería aplaudido toda democracia".

O tuit produciu millenta respostas críticas na rede en defensa de Companys como representante lexítimo do pobo catalán. Terstch non se engruñou e contraatacou co argumento de que a República tamén tería fusilado ao líder de ERC porque supostamente tería incorrido nos delitos de traizón e sedición.

Non contento con iso, Tertsch equiparou Companys a Franco nun chío posterior: "Continúan animados vexo [escrebeu en relación aos comentarios críticos deitados na rede contra el]. Saiban que se tivese perdido a guerra, o outro golpista, Franco, tamén tería sido fusilado. E ninguén se queixaría".

Xa lanzado polo tobogán da xustificación do fusilamento de Companys, Tertsch non dubidou en escreber que "a mentira antifranquista envenena España" e Catalunya tería entolecido por ela.

Comentarios