Hebreo no Bundestag para marcar o Día do Holocausto

O presidente do Parlamento israelí realiza un histórico discurso en Berlín, no edificio "onde a humanidade ensanchou os límites da maldade".
holocausto_william-warby_unsplash
photo_camera Zapatos confiscados aos prisioneiros de Auschwitz, Polonia (Foto: William Warby / Unsplash)

Crebado pola emoción e con bágoas nos ollos, o presidente do Parlamento israelí (Knesset), Mickey Levy, pronunciou onte un histórico discurso en hebreo ante o Parlamento alemán (Bundestag) para conmemorar o Día do Holocausto

Durante a súa intervención, Levy recitou parte do Kaddish, un dos rezos principais na relixión xudía. Leuna do libro que usou no seu Bar Mitzvah ─cerimonia similar á Confirmación no catolicismo─, o 22 de outubro de 1938, poucos días antes do Kristallnacht ("A noite dos cristais rotos"), o pogrom instigado polos nazis contra os xudeus de Alemaña e que se considera o paso previo ao Holocausto posterior.

Ante a presenza de representantes parlamentarios e das máximas autoridades do Estado, o presidente alemán, Frank-Walter Steinmeier, e o chanceler, Olaf Scholz, así como outros mandatarios ou a supervivente do Holocausto Inge Auerbacher, Levy advertiu sobre a "fraxilidade da democracia" e sobre o crecente antisemitismo contra os xudeus alemáns.

"Aquí, neste histórico edificio, a sede do Parlamento alemán, un pode captar ─aínda que sexa lixeiramente— a capacidade dos seres humanos de tirar proveito da democracia para destruíla", sinalou o presidente da Knesset, en referencia aos pasos dados polo nazismo, desde que era unha forza parlamentaria até que instaurou un réxime ditatorial. 

"É un lugar onde a humanidade ensanchou os límites da maldade; un lugar onde a perda de valores converteu un marco democrático nunha tiranía racista e discriminatoria", engadiu.

Repunta na xenofobia

Esta xornada internacional de lembranza do Holocausto foi tamén marcada pola ONU. Dunha maneira especial dado que, tal e como salientou o seu secretario xeral, o Holocausto "definiu as Nacións Unidas". 

António Guterres recordou que a Carta de San Francisco estaba a ser redactada "ao tempo que o campo de concentración de Dachau era liberado". Tamén el alertou do crecente antisemitismo na sociedade, e en xeral da "alarmante repunta no odio e na xenofobia".

"En memoria das vítimas do Holocausto, e en respecto polos superviventes, nunca esquezamos. Unámonos pola verdade, pola paz e pola xustiza para todos", pediu o político portugués.

Comentarios