Hamas e Israel declaran unha tregua

Após oito días de bombardeos israelís sobre a Faixa de Gaza que deixaron máis de 140 persoas falecidas, Hamás e Israel acordan unha tregua que se iniciará esta noite.

O ministro de Exteriores exipcio, Mohamed Kamel Amr, e a secretaria de Estado dos EUA, Hilary Clinton aseguraron esta cuarta en conferencia de imprensa desde O Cairo, un cesamento ao fogo entre Israel e Hamas. Após oito días de intensos bombardeos sobre a Faixa de Gaza, ambas as dúas partes acordaron unha tregua que se iniciará ás 21 horas (20h hora galega), como resultado das negociacións desenvolvidas coa mediación exipcia.

Segundo Hilary Clinton --que viaxou a Tel Aviv para se reunir co seu socio Benjamin Netanyahu, o presidente sionista tería amosado a súa vontade de cesar as hostilidades contra Gaza, porén, a representante estadounidense amosoulle o seu máximo apoio a Israel --argüíndo o dereito deste a se defender-- ao tempo que asegurou procurar solucións ao conflito na rexión, nun intento por visibilizar aos EUA na tregua. Así as cousas, a máxima responsábel da diplomacia estadounidense rexeitou emitir unha declaración de condena sob os actos cometidos por Israel ao consideralo, dixo, "contraproducente" e asegurar que "non aportaría ningunha contribución aos esforzos diplomáticos en curso".

Segundo o documento acordado polas partes e difundido pola presidencia do Exipto, Israel suspenderá todas as hostilidades contra o territorio de Gaza por terra, mar e ar; porá fin ás súas incursións e ataques contra os individuos e, aliás, o executivo sionista procurará a abertura dos postos de fronteira, facilitará os movimentos de persoas e transferencia de produtos, evitará restricións ao libre movemento de habitantes e ataques contra residentes en áreas de fronteiras.

Últimos ataques?

Nesta cuarta feira, o exército israelí bombardeou desde mar e aire múltiples enclaves palestinos entre os que, máis unha vez, se atopaban os edificios de diversos medios de comunicación, oficinas gobernamentais de Hamas e vivendas civís. A ofensiva deixou máis de trinta persoas mortas entre elas diversas crianza. Aliás, unha acción desenvolvida na cidade de Tel Aviv e reivindicada polo grupo armado Brigadas dos Mártires de Al-Aqsa, deixou 21 feridos en Israel. O voceiro de Hamas Abu Zuhri asegurou após conñecer o acontecido que se trataba dunha "resposta lexítima" fronte á masacre perpetrada por Israel. Asemade, aseguraba a primeira hora da tarde que "as faccións palestinas --Al-Aqsa aséntase en Cisxordania-- van recorrer a todos os medios posíbeis para protexer aos nosos civís en ausencia dun esforzo mundial para deter a agresión israelí".
A poboación gazací temía ao longo destes días que Israel iniciase unha ofensiva terrestre após situar 75.000 reservistas na fronteira con Gaza.

Comentarios