Hamás chama á unidade palestina contra o extremismo israelí

O Movemento de Resistencia Islámica entrega en Exipto un documento a prol da recuperación da unidade contra Israel e chama a Al-Fatah e a Autoridade nacional palestina a dialogar.

Após anos de confrontación entre os dous grandes polos da resistencia palestina --Hamás e Al-Fatah--, o líder palestino e dirixente do Movemento de resistencia islámica, Salá Bardawil asegurou que a súa organización estaría disposta a iniciar un proceso de diálogo cara á conformación dunha "unidade fronte ao inimigo común" perante as vindeiras eleccións israelís. Neste sentido, todo apunta a que o partido da ultradereita Likud, ao que pertence o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, se presentará en coalición co sionista Yisrael Beitenu.

Hamás explicou aos medios de comunicación que entregou en Exipto un documento en que recollen "unha estratexia global" cara á reconciliación entre ambas as dúas organizacións. Para tal fin, Hamás propón unha serie de mecanismos e agarda que a Autoridade Nacional Palestina --encabezada por Al-Fatah-- responda sen demora perante o que din, "a reconciliación do pobo palestino é unha necesidade urxente", á fin de frear o extremismo israelí. A decisión chega, despois de que o emir qatarí, Hamad bin Jalifa al Thani, realizase unha visita histórica a Gaza e emprazase a resistencia palestina a se unir.

Cabe salientar que as relacións entre as dúas organizacións rachasen a comezos dos noventa após as negociacións desenvolvidas entre a Al-Fatah, liderado por Yasser Arafat naquela altura, e o goberno hebreo. Para Hamás os acordos adoptados entre ambas as dúas delegacións supuxesen un acto de "traición" ao pobo.

Abbas afirma nunha entrevista que Palestina está formada por Cisxordania e Gaza, "o demais é Israel"

O presidente Mahmud Abbas muda o discurso

Porén, o avance cara á unidade que amosou Hamás confronta coas declaracións do presidente da Autoridade Nacional Palestina e membro de Al-Fatah, Mahmud Abbas quen asegurou nunha entrevista na cadea israelí Channel 2 que "Palestina está formada por Cisxordania e a Faixa de Gaza" engadindo "o demais é Israel". As palabras de Abbas reflicten concesións no seu discurso a respecto das históricas reivindicacións palestinas que exixen recuperar o territorio ocupado. Neste sentido, Hamás saiui ao paso das declaracións asegurando que foran feitas "a título persoal" aseverando que "ningún palestino aceptaría ceder o dereito do noso pobo a volver ás súas casas, pobos e aldeas dos cales foron desprazados".

Comentarios