Haití busca contra o reloxo superviventes do terremoto ante a chegada de 'Grace'

Unha tormenta tropical ameaza a illa tras o letal sismo da fin de semana,

haiti_terremoto_agosto2021
photo_camera Edificio derruído polo terremoto na comuna haitiana de Les Cayes (Foto: Katherine Hernandez / Xinhua)

A depresión tropical Grace ameaza con provocar fortes chuvias na zona sur de Haití, onde aínda están activos os traballos de busca de superviventes e de atención ás vítimas do terremoto de 7,2 na escala de Richter que provocou na fin de semana máis de mil mortos (1.297, segundo o último balance).

As autoridades haitianas activaron unha alerta amarela ante unha tormenta que se situaba onte ao suroeste de República Dominicana e que avanzaba con ventos máximos sostidos de 55 quilómetros por hora, segundo a información do Centro Nacional de Furacáns (CNH) dos Estados Unidos.

A axencia de Protección Civil de Haití estimaba que a tormenta chegaría á zona sur e oeste do país entre a noite de onte e a madrugada de hoxe (hora local), polo que pediu aos residentes destas zonas que se preparen e que sigan as directrices que marquen as autoridades.

O primeiro ministro, Ariel Henry, prometeu que o Goberno actuará "con maior celeridade" na resposta tras o seísmo, por exemplo acelerando a xestión das axudas. "Imos multiplicar por dez os nosos esforzos para chegar, en termos de asistencia, ao maior número de vítimas posíbel", indicou o mandatario na súa conta de Twitter.

Henry subliñou que "ante a urxencia, non hai tregua", e avanzou que distintos representantes do Executivo se repartirán polas zonas damnificadas para coordinar as intervencións e obter unha avaliación "máis precisa" das necesidades da poboación tras a catástrofe.

Porén, o director da ONG World Vision no país caribeño, Marcelo Viscarra, advertiu nun comunicado de que cada vez hai menos tempo para axudar a poboación afectada ante a inminente chegada de Grace. "Miles de persoas permanecen nas rúas buscando os seus familiares e amigos e tratando de recuperar algunhas das súas posesións soterradas baixo os escombros", explicou.

A organización centra os seus labores na provisión de auga e purificadores, produtos de hixiene, nutrición e refuxio para as familias afectadas, con especial atención aos menores.

Aumento de intensidade

Grace presentaba onte ventos máximos sostidos de 55 km/h e movíase en dirección oeste a 24 km/h. O prognóstico e que mantivese a intensidade até hoxe, cando comezará a aumentar, e que na súa traxectoria pasase primeiro polo sur da costa da illa de La Española (Haití e República Dominicana), para posteriormente trasladarse a Xamaica, Cuba e Illas Caimán.

Comentarios