Puigdemont faise coas rendas do partido

"Hai que tocarlle a gaita a Madrid", defende o novo presidente do PDeCAT

O PDeCAT ten un presidente e un líder. Pero non son as mesmas persoas. O presidente é David Bonvehí. O líder, Carles Puigdemont. As teses do president no exilio prevaleceron no congreso decorrido esta fin de semana. Liquidou a súa oponente orgánica, a ex presidenta da formación Marta Pascal, e abriu o camiño para a integración da antiga Convergència, na próxima primavera, no movimento socio-político do que el será máximo referente, a Crida Nacional pola República.

David Bonvehí, presidente do PDeCAT
photo_camera O novo presidente do PDeCAT [Foto: NacióDigital/AdriàCosta]

A Crida Nacional é un movimento co que Puigdemont tenciona superar os marcos electorais da antiga Convergència e disputar así o liderado do espazo soberanista a unha ERC que volta a encabezar as enquisas (tamén o fixo antes das catalás do pasado 21D, en que finalmente foi derrotada pola mínima por Junts per Catalunya). Sería, alén de máis, unha plataforma cun perfil máis nidiamente rupturista do que o PDeCAT, formación que acolle correntes de opinión máis partidarias de relaxar as tensións co estado. Ese sector —liderado por Pascal e no Congreso por Carles Campuzano—foi o que selou o apoio do partido a Sánchez na moción de censura a Raxoi, un movimento que non contou co nihil obstat do líder no exilio.

O Congreso entrega o poder orgánico a Puigdemont. Bonvehí, o antigo número 2, é un home da súa máis absoluta confianza. Pilotará —conxuntamente cos presos soberanistas do PDeCAT e co exiliado en Alemaña Lluis Puig— o comité de coordenación que estudará a eventual integración do partido na Crida. O que votou o Congreso a este respecto é que as e os militantes da formación si que deberán selo ao vez da nova plataforma. Mais o que vaia acontecer co PDeCAT en si mesmo —todas as hipóteses están abertas, mesmo a súa disolución— é aínda unha incógnita.

A baixa participación da militancia marcou a cimeira. Na votación da nova dirección —que alcanzou 65 por cento de apoios fronte a unha candidatura crítica feita a fume de carozo, que obtivo 28 por cento dos sufraxios— apenas tomaron parte 2.230 das e dos afiliados do partido, por volta do 15 por cento dos 15 mil que en teoría constitúen a súa afiliación.

Nos debates centrais da asemblea votaron menos de 1.000 afiliadas e aí rupturistas e posibilistas selaron un empate. Destarte, a emenda a prol de materializar a República catalá "de forma inmediata" foi rexeitada —415 votos en contra, 406 a favor— en tanto que a proposta para, caso de a negociación co estado fracasar, ir a unha vía independentista unilateral foi aprobada con 363 votos afirmativos e 350 negativos.

Corrección: Na versión inicial desta información aparecía mal redixido o nome do novo presidente do PDeCAT. Foi grazas ao comentario dun lector que reparamos no erro.

Comentarios