Existe delito na desobediencia de Quim Torra?

Quim Torra desobedeceu a orde da Xunta Electoral Central (XEC) ao non retirar a pancarta de apoio ás e aos presos do procès. Porén, diversas xuristas cuestionan que se producise un delito de desobediencia. 
Quim Torra, na súa visita aos presos independentistas condenados no xuízo ao procès (Imaxe: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Quim Torra, na súa visita aos presos independentistas condenados no xuízo ao procès (Imaxe: David Zorrakino / Europa Press)

O president de Catalunya, Quim Torra, desobedeceu a orde da Xunta Electoral Central (XEC) en campaña electoral ao negarse a retirar a pancarta de apoio ás e aos presos do procès que penduraba do balcón do Palau da Generalitat, motivo polo que o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC) xulgouno en novembro por un delito de desobediencia, condenándoo a inhabilitación, resolución que o president recorreu ao Tribunal Supremo (TS) que, na segunda feira, 28 de setembrio, resolveu na súa contra.

Pero houbo delito? 

Hai que ter en conta que a XEC é un órgano administrativo e non xurisdicional e que forma parte da Administración electoral e non do poder xudicial. A XEC, tal e como analizaba onte o catedrático de Dereito Constitucional Javier Pérez Royo, non dita sentenzas, senón actos administrativos, e para que o delito de desobediencia se poida producir a respecto dunha orde administrativa e non xudicial, é preciso que exista relación xerárquica entre quen dita a orde e o destinatario que a debe executar. Porén, a orde a Quim Torra procedeu directamente da Xunta Electoral sen resolución xudicial de por medio.  

Nese sentido, tal e como sinala a Nós Diario a catedrática de Dereito da USC Alba Nogueira, o argumento presentado pola defensa de Torra é precisamente que, ao se tratar dun proceso  electoral estatal e Torra non ser candidato, o mandatario catalán non era nin entidade nin Administración implicada. 

Con isto a defensa discutiu ese vínculo de superioridade da XEC como órgano, cuestión que a sentenza resolve en apenas unha páxina aseverando simplemente que é a entidade máxima de vixilancia dos procesos electorais. Ao fío de todo isto, para Nogueira hai catro cuestións cruciais: é a XEC órgano superior xerárquico ou non? Estaba Torra implicado no proceso electoral e por tanto tiña que cumprir as ordes da XEC e, ao non facelo, houbo delito desobediencia? Para que haxa desobediencia debe haber un mandato concreto vía xudicial ou chega coa resolución administrativa da XEC? E mais unha última cuestión: É proporcionada a sanción? 

A catedrática resalta ademais o rocambolesco de derivar esta cuestión no ámbito penal, cando o habitual é que cuestións relativas ao electoral pasen sen castigo, e só algunhas veces con sanción económica, como lle pasou a Pedro Sánchez ao empregar a Moncloa como escenario de propaganda electoral. 

"A Administración pública catalá é autónoma e non depende da XEC que, por certo, é un órgano administrativo e só existe temporalmente", salienta a Nós Diario o profesor de Dereito procesual na UDC, David Soto. "É certo que na XEC hai maxistrados do Supremo, pero tamén funcionariado e profesorado elixido polos partidos e que non pertencen á xudicatura", engade David Soto.

O Constitucional e a UE

A defensa de Torra pediu a suspensión cautelar da inhabilitación ante o Tribunal Constitucional (TC). Está previsto que sexa na próxima terza, 6 de outubro, cando o TC aborde este recurso de amparo.  

"Non ten percorrido", adianta Alba Nogueira, asegurando que o TC "está a actuar en todo momento como garante da unidade de España". A catedrática apunta que a defensa debe ter a vista xa posta en Europa, tal e como anunciou Torra, e recorrer ao TC é paso obrigado para poder acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.  

Aragonès (ERC) asume funcións limitadas de Presidencia

Junts e Esquerra asinaron un documento que estabelece e reforza as funcións de cada membro do Govern ante a ausencia de Torra. O número dous da Generalitat, Pere Aragonès (ERC), asume "interinamente funcións limitadas de Presidencia". Ambas as forzas acordaron encargar un plan para a realización de eleccións en "condicións sanitarias seguras". Junts quere que os comicios sexan un plebiscito e ERC ten como obxectivo que o soberanismo supere 50% de apoio nas urnas.

Comentarios