Hai acordo para o ‘Brexit’

A Comisión Europea pide o apoio ao acordo dos líderes dos Estados da UE. O apoio do partido unionista norteirlandés do DUP é necesario para que o pacto saia adiante no Parlamento británico.
boris johnson
photo_camera O primeiro ministro británico, Boris Johnson, nunha sesión do Parlamento británico

O primeiro ministro británico, Boris Johnson, anunciou na mañá desta quinta feira, 17 de outubro, que alcanzara a “un grande acordo” coa Unión Europea para o Brexit. “Agora, o Parlamento ten que resolver o Brexit no sábado, para que podamos seguir con outras prioridades, como o custo de vida, os servizos de saúde, a criminalidade violenta e o medio ambiente”, dixo Johnson.

“Cando hai vontade, hai acordo - temos un!”, dixo pola súa banda Jean Claude Juncker, presidente da Comisión Europea, na súa conta do Twitter ao respecto. Juncker definiuno como "xusto e equilibrado para a UE e o Reino Unido" e engadiu que é "unha proba do noso compromiso de atopar solucións". "Recomendo que (a cimeira da UE) apoie este acordo", engadiu.

 

Na carta ao presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, non se inclúen os detalles específicos do acordo mais asegúrase que as negociacións se centraron no Protocolo para Irlanda-Irlanda do Norte. Ao respecto, o Partido Democrático Unionista de Irlanda do Norte (DUP) afirmou pouco antes da decisiva xuntanza desta quinta feira que “non pode aceptar” o pacto .

A líder do DUP, Arlene Foster, emitiu un comunicado onde manifesta as súas reservas sobre o que se negocia en materia aduaneira para Irlanda do Norte. Boris Johnson, require do respaldo do DUP, un partido con 10 escanos nun Parlamento de 650, para poder chegar aos 320 votos necesarios para ratificar o acordo de Brexit.

Boa resposta dos mercados

Así se coñeceu o pacto, o Ibex 35 virou e á media sesión subía preto do 1%, informa Europa Press, situándose ás portas dos 9.500 puntos. En concreto, o selectivo avanzaba un 0,87% ás 11.45 horas e se situaba nos 9.468 enteiros. O resto de bolsas europeas mudaban tamén de signo e subían un 0,26% (Londres), un 0,39% (Frankfort) e un 0,1% (París).

Tamén a cotización da libra esterlina respondeu con fortes subidas na súa cotización. O troco fronte ao dólar agatuñaba até 1,2988 dólares, tras pechar na cuarta feira en 1,2830 dólares, o seu nivel máis alto desde mediados do pasado mes de maio.

Comentarios