Hague abre a porta a un ataque militar sen a cobertura legal da ONU

O ministro de Asuntos Exteriores do Reino Unido, William Hague, dixo a BBC: "Experimentamos outros métodos. Os métodos diplomáticos. Mais fallaron até o de agora". O presidente sirio Bashar al-Assad dixo ao xornal ruso Izvestia: "O fracaso agarda aos EUA se lanzan un ataque, como en todas as guerras previas que ten desencadeado, desde Vietnam até os nosos días".

William Hague
photo_camera William Hague

Washington e Londres preparan unha acción militar e están a valorar seriamente promovela sen a autorización do consello de seguranza de Nacións Unidas. A luz verde dese organismo é imposíbel, dado o poder de veto que ten sobre el Moscova. O goberno Putin alertou hoxe sobre as "gravísimas consecuencias" que decorrerían dunha intervención occidental no país árabe.

Informa The Guardian que Amman, a capital de Xordania, está a piques de acoller unha cimeira militar dos aliados,en que tomarían parte por parte norteamericana o chefe do estado maior da Defensa, Martin Dempsey, e o seu homólogo británico, Nick Houghton.

Norteamericanos e británicos non conceden ningún valor a que Siria permita agora o acceso de inspectores da ONU a zona supostamente afectada por un ataque con armas químicas.

AMPARO LEGAL

Nas súas declaracións á BBC, Hague esforzouse en enfatizar que a acción militar tería amparo legal, se ben non citou nengunha disposición que a lexitime.

"É posíbel tomar accións basedas na necesidade de axuda humanitaria. É posíbel facer iso baixo diferentes escenarios. Mais calquera cousa que propoñamos facer – a forte resposta da que temos falado, sexa esta cal for- estará suxeita a consultas legais, estará en consoancia coa lei internacional", dixo o chanceler británico.

Mentres, o presidente sirio voltou a negar a autoría do ataque con armas químicas.

En declaracións a Izvestia, dixo: "Usaría algún Estado armas químicas ou outras armas de destrución masivas nunha zona na que están concentradas as súas propias forzas? Iso irái contra a lóxica máis elemental".

Bashar al-Assad advertiu aos EUA que calquer agresión a Siria está condenada á derrota. "O fracaso agarda aos Estados Unidos, como en todas as guerras que ten desencadeado, desde Vietnam até os nosos días".

Comentarios