Arnau Comas (CUP)

“Si haberá referendo porque o 1-O vai haber unha mobilización xigante”

Arnau Comas é concelleiro da Candidatura D'Unitat Popular (CUP) en Sant Esteve de Palautordera. Estes días estivo na Galiza para participar no Foro Internacionalista organizado pola UPG, con senllas palestras en Vigo e Compostela. Militante de Poble Lliure (organización integrada na CUP), falamos con el nas vésperas do 1-O. É optimista, pon en valor a alianza dos sectores “independentistas” e “autodeterministas” e proclama: “O Estado é derrotábel”.

Arnau Comas
photo_camera Arnau Comas, entre Xabier Pérez Igrexas e Duarte Correa no acto do Foro Internacionalista decorrido a cuarta feira

-A primeira pergunta é inevitábel porque é a que se fai todo o mundo estes días. Que cres que pasará o 1-O?

-Tal e como están as cousas agora, haberá referendo porque haberá unha mobilización xigante. A xente está moi concienciada. A xente vaino protexer. A xente vaino facer posíbel. Coa protección do Govern, si, por suposto. Outra cousa é como actúe a policía española.

-E como cres que actuará?

-Non sei o que farán. Practicaron unha represión cirúrxica que foi un pouco en escalada até a cuarta feira 20 de setembro [cando a garda civil entrou nas consellarías do Govern e houbo detencións de altos cargos]. Aí foíselles a man ao deteren persoas e a reacción social foi importante. Ao ver esa reacción, puxeron un pouco o freo de man, mais a represión continúa. En todo caso, si que recuaron un chisco. Iso faime dubidar sobre o que vaian facer. O que si teño claro é que se a represión é moi besta [o 1-O], daquela a reacción social será aínda máis forte. Neste momento a alianza entre os sectores independentistas e os autodeterministas [os que defenden o 1-O, mais non a independencia] está moi solidificada. O reto para o Estado español é considerábel. A repercusión internacional dunha maior escalada represiva sería sen dúbida grande. O Estado é forte, mais non tanto.

-O Estado é, portanto, derrotábel?

-Si que o é. É derrotábel. Eu son optimista por natureza. Lévoo no ADN. Mais a xente é moi consciente do que pasa. O relato que se vende fóra de Catalunya non ten nada a ver coa percepción que ten a xente no país. Fecharon webs e entraron en imprensas sen orde xudicial, fixeron rexistos en domicilios particulares sen orde xudicial... Todo iso foi moi forte e espertou moitas consciencias.

-Perguntábache por que esperas da actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado. Mais que agardas que fagan os Mossos?

-Neste momento hai unha grande incerteza e todo é moi especulativo. Mais o que eles teñen dito na súa conta twitter -que é un pouco o seu boletín oficial- é que a súa actuación será proporcionada e que non van contribuír para xerar problemas de orde pública. Diso podemos tirar como conclusión que se nun colexio eleitoral hai moita xente disposta a votar eles non actuarían [para llelo impedir]. Agora, é complicado predicer que se vaian comportar en todos os sitios por igual. Si é certo que o sindicato de mandos dos Mossos se pronunciou clarísimamente para respaldar Josep Luis Trapero [o major -chefe- da policía catalá, que se negou a se pór ás ordes do Ministerio de Interior].

-Segundo a Lei do Referendo, se gañar o SI o Parlament proclamaría a independencia no prazo de 48 horas. Mais ten habido declaracións de dirixentes destacados do Partit Demòcrata Europeu Català [Carles Campuzano, o seu portavoz no Congreso] que poñen iso en cuestión. Son para as ter en conta ou cres que o Govern se aterá á literalidade da lei?

-Non son dirixentes tan destacados. Outra cousa é que existan pulsións en sectores... a ver como os chamo...en sectores post-autonomistas que van na dirección de poñer un chisco o freo de man. Mais son sectores cada día máis residuais, mesmo dentro do PDeCAT. Esas declaracións xa non son significativas do que pensan as bases sociais do PDeCAT.

-Poderíamos dicer que a alianza de clases que se expresa no bloco soberanista non periga?

-Non, non periga. A base social independentista e autodeterminista está neste momento moi compactada. E cun propósito común, o de lle demostrarmos ao Estado que somos capaces de resistirmos a súa escalada represiva.

-Non sei se cun exceso de inxenuidade, mais si dá a impresión de que desde Junts pel Sí se agardaba unha reacción de apoio a Catalunya por parte da UE. Mais esa reacción non dá chegado e, en realidade, todo indica que Bruxelas de se inclinar por unha parte neste conflito o fai por Madrid.

-Si, eles agardaban unha reacción máis favorábel á causa da democracia en Catalunya. Mais o que era previsíbel é o que está a acontecer: a UE está aliñada na defensa dos estados actualmente existentes. A UE como institución está a reaxir en defensa dunha estrutura estatal, a española. En todo caso, con isto fica claro que para liberarnos como país nos necesitamos a nós propios. Si é certo que precisamos recoñecimento internacional, mais a chave para liberarnos está en nós propios. Aliás, a UE está en decadencia. Non podemos esperar pola súa parte un gran apoio á primeira ruptura democrática que se produce no seu seo. Eles están por manter o statu quo. Nun escenario de vitoria máis clara da causa democrática en Catalunya non sei se se posicionarían. Desde logo, fronte ao Estado de Excepción que sofremos non se posicionaron. Agardar moito deles é unha mera ilusión.

-O papel do pobo está a ser moi protagónico nas mobilizacións -absolutamente masivas- destes días. É evidente que o procés non é un fenómeno de elites. Ese rol das clases populares é tanto como para pensar que unha eventual República catalá estaría tamén escorada cara posicións rupturistas no social?

-Iso xa está a pasar. De 2000 a 2017 a correlación de forzas no seo do soberanismo xirou claramente á esquerda. Tamén ten acontecido no que ten a ver coa hexemonía cultural. Basta ler os artigos favorábeis ao procés. E o mesmo acontece con como se está a construír a proposta de proceso constituínte popular [o que dotaría a Catalunya independente dunha Constitución]. Esa proposta é unha das máis avanzadas que se teñen formulado nunca, a dar un enorme protagonismo á democracia participativa e ao aprofundamento dos direitos sociais.

-A imprensa unionista que lea esta resposta túa dirá: vedes como Junts pel Sí están secuestrados politicamente pola CUP?

-Eu o que digo é que o proceso avanza en clave democrática de forma muy rápida e na dirección correcta.

Comentarios