Guterres anticipa un inverno difícil e chama á "mobilización internacional"

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas, António Guterres, lanzou no arranque da septuaxésimo sétima Asemblea Xeral do organismo un chamamento á "mobilización da comunidade internacional".
O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres (Foto: Wang Ying / Xinhua News / Contactophoto).
photo_camera O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres esta terza feira (Foto: Wang Ying / Xinhua News / Contactophoto)

O secretario xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), o portugués António Guterres, lanzou no arranque da septuaxésimo sétima Asemblea Xeral do organismo un chamamento á "mobilización da comunidade internacional para atallar desde todas as frontes a cantidade de desafíos actuais", en previsión dun inverno de "descontento a escala mundial".

"Necesitamos actuar en todos os ámbitos", dixo Guterres, que "teme" os efectos do aumento do custo da vida e a desigualdade, así como do cambio climático. "A poboación está a sufrir e os máis vulnerábeis levan a peor parte", sinalou durante a súa intervención.

O máximo responsábel da ONU lamentou ademais que, fronte a retos "enormes e transcendentais", a comunidade internacional "non está preparada ou non está disposta". Considera que non é momento de individualidades, xa que "non hai ningún poder nin ningún grupo que poida, por si propio, dominar a situación".

Ao seu xuízo, os conflitos e as emerxencias humanitarias están a estenderse "sen que se lles preste atención", como o demostraría o feito de que o chamamento das Nacións Unidas para atender emerxencias humanitarias arrastra un déficit de 32.000 millóns de dólares aproximadamente, "o maior da historia".

A guerra en Ucraína

Guterres repasou no seu discurso algunhas das crises actuais, entre as que aludiu Ucraína. Neste ámbito, resaltou a importancia do acordo para a exportación de cereais asinado entre Kíiv e Moscova, no cal a ONU exerceu de organismo mediador. "Non foi un milagre, senón un exemplo de diplomacia", manifestou o portugués.
"A guerra [en Ucraína] desencadeou unha destrución xeneralizada, con violacións a gran escala do Dereito Internacional Humanitario e dos Dereitos Humanos", dixo.

Impostos ás enerxéticas

No ámbito enerxético, estabeleceu como premisa que "quen contamina debe pagar". "Chegou o momento de intervir", o que para Guterres pasa por "exixir responsabilidades" ás empresas de combustíbeis fósiles e a "todas aquelas que están na súa órbita", en particular as institucións financeiras.

"Os intereses que moven os combustíbeis fósiles teñen que dedicar menos tempo a evitar un desastre de relacións públicas e máis a evitar un desastre planetario", apostilou. Porén, recoñeceu a dificultade de suprimir estas fontes de enerxía non renovábeis.

Comentarios