Gustavo Petro ordena a evacuación de miles de familias ante a posíbel erupción dun volcán

Segundo o Servizo Xeolóxico de Colombia (SGC) rexístrase desde finais de marzo un aumento da actividade sísmica do volcán que podería desencadear unha erupción.
O volcán colombiano Nevado de Ruiz nunha imaxe de 2017 (Foto: Europa Press / Contacto / Jorge García).
photo_camera O volcán colombiano Nevado de Ruiz nunha imaxe de 2017 (Foto: Europa Press / Contacto / Jorge García).

O presidente colombiano, Gustavo Petro, chamou na madrugada desta quinta feira a acelerar a evacuación preventiva de millares de persoas que residen nas proximidades do volcán Nevado do Ruiz ante a probabilidade de que entre en erupción nos próximos días ou semanas.

“Pedímoslle aos Consellos de Riscos Departamentais que aceleren a evacuación preventiva de 2.500 familias que están no alto risco pola continxencia do Nevado do Ruiz”, expresou o mandatario colombiano nunha mensaxe da súa conta de Twitter.

Segundo o Servizo Xeolóxico de Colombia (SGC, polas súas siglas en español) rexístrase desde finais de marzo un aumento da actividade sísmica do volcán que podería desencadear unha erupción.

A pasada sexta feira, a autoridade gobernamental aumentou a alerta laranxa o nivel de risco debido ao aumento de actividade no Nevado do Ruiz.

Os departamentos colombianos de Tolima, Caldas, Risaralda, Quindío e Cundinamarca están en alerta perante a probabilidade de erupción do volcán, informaron as autoridades do país suramericano.

Ao redor de 57.000 persoas que residen en zonas próximas ao cráter do Nevado de Ruiz atópanse baixo "ameaza alta", segundo a Unidade para a Xestión do Risco de Desastres de Colombia.

A desaparecida cidade de Armero

O Nevado do Ruiz é lembrado pola traxedia da desaparecida cidade de Armero en novembro de 1985, cando a súa erupción provocou unha avalancha que deixou polo menos 25.000 falecidos, pasando á historia como o peor desastre natural do país.

Comentarios