Alberte Blanco Casal, analista en política internacional

“A guerra en Ucraína é un enfrontamento entre Rusia e a OTAN”

Mañá, domingo 19 de xuño, Compostela acolle unhas xornadas de debate convocadas pola Plataforma galega contra a Otan. O analista en política internacional, colaborador de Nós Diario  e autor "Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo", Alberte Blanco Casal, é un dos relatores deste encontro. Nesta conversa reflexiona sobre o papel da Otan na actual conxuntura.

 

Alberte Blanco
photo_camera Alberte Blanco

Cal é a axenda e os temas chave a debate da cimeira da OTAN que se celebra a vindeira semana en Madrid?

Formalmente, a cimeira de Madrid, convocada hai un ano, ía traballar no novo concepto estratéxico da OTAN. É dicir, pasar da confrontación con países de segunda ou terceira categoría, países non pares, en terminoloxía OTAN, ás ameazas e competencia entre as grandes potencias, como na Guerra Fría do pasado século. Neste novo marco, os países obxecto do novo concepto estratéxico pasan a ser Rusia e China, como resulta obvio. Realmente, a cimeira de Madrid estaba pensada para tratar o axuste da estrutura occidental de seguridade ás peculiaridades da rexión do Indo-Pacífico, co ascenso chinés, a través dunha fórmula de colaboración OTAN-AUKUS por ser de grande interese para Estados Unidos e o mundo anglo-norteamericano. A eficacia revolucionaria das novas armas rusas, o poderío económico-militar chinés e o declive neoliberal estaban na base orixinal deste cumio. Sen dúbida, os aspectos anteriores afectan profundamente a hexemonía occidental modificando o (vixente) concepto estratéxico de Lisboa, aprobado en 2010. Non obstante, a Guerra do Leste alterou definitivamente o programa estabelecido, agudizando os problemas internos da Alianza, a pesar de que se queira dar unha imaxe de unidade, e incluso de euforia, coa posíbel, veremos se se consolida, entrada de Finlandia e Suecia. Os diferentes intereses entre, por exemplo, Turquía e  Estados Unidos son evidentes. Pero tamén hai diferenzas notábeis con países como Francia, Alemaña, Croacia ou Hungría, por falar dos casos máis evidentes.

Unha das cuestións que a bo seguro tocarán os mandatarios reunidos en Madrid é o conflito de Ucraína, que responsabilidade ten a OTAN no mesmo?

Este conflito é, sen ningún xénero de dúbida, un enfrontamento entre Rusia e a OTAN a través do que se coñece como unha guerra subsidiaria, onde Ucraína é un chibo expiatorio pero non inocente. A OTAN, principalmente Estados Unidos e o Reino Unido, levan intervindo en Ucraína desde a disolución da URSS en 1991, igual que ocorreu no resto do antigo bloque socialista. Instruíron aos elementos corruptos da nomenklatura, os novos oligarcas, na privatización das empresas públicas e no regalo a empresas occidentais, destruíndo a base económica socialista convertendo Ucraína, unha das repúblicas máis desenvolvidas e ricas da Unión Soviética, nunha ruína económica e no país máis atrasado e corrupto de Europa. Coa consolidación do grupo de Vladimir Putin no Kremlin, Estados Unidos decatouse de que non ía poder manipular a Rusia como nos tempos de Boris Eltsin e decidiron a operación do Maidán. O politólogo Brzezinski prognosticara o papel estratéxico de Ucraína para Occidente como arma contra Rusia. Esa teoría levárona á práctica en 2013 cunha campaña de intoxicación e mobilización cidadá utilizando elementos extremistas neonazis para executar provocacións e altercados. Todo acabou en 2014 cun golpe de estado en Kíiv destituíndo ao presidente electo Yanukóvich. A intervención da OTAN no conflito quedou patente co apoio directo de Vitoria Nuland, subsecretaria de Estado de Obama, aos sectores golpistas, declarando nunhas conversas privadas o decidido apoio de EUA, a través de asesores e cunha axuda encuberta de máis de 5 mil millóns de dólares, que serviron para subornar a distintos sectores, ONGs e personalidades ucraínas, incluído o exército, co obxecto de asegurar o resultado do golpe. Nuland censurou a falta de colaboración da Unión Europea empregando un sonoro insulto que se fixo moi famoso -Fuck the EU-  deixando en evidencia daquela os distintos intereses entre Europa e Estados Unidos. Despois diso, e coa guerra do Donbass creándolle problemas ao novo Goberno, a OTAN armou, adestrou e asesorou ao exército ucraíno, ademais de promover aos elementos máis fanáticos dos destacamentos neonazis, como Pravy Sektor, Svoboda, Azov, para o seu control efectivo. Prevendo un conflito longo no Donbass a OTAN instou ao Goberno ucraíno á construción dunha potente fortificación militar na liña da fronte capaz de resistir grandes combates. De forma simultánea, Estados Unidos influíu na dilatación da aplicación dos diferentes acordos de paz, coñecidos como Acordos de Minsk, avalados pola ONU, ao tempo que se incrementaban as provocacións. Estas ían dende as actividades encubertas nos laboratorios de guerra biolóxica controlados polo Pentágono, os ataques dos extremistas á minoría rusa até as operacións militares directas co obxecto de provocar un enfrontamento con Rusia, que foi o que finalmente ocorreu en febreiro deste ano. Rusia coñecía a deriva dos acontecementos e preparou a resposta adecuada se non era posíbel facer cumprir os acordos de Minsk, e nesas estamos.

Analizaba no seu libro "Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo" que o mundo estaba diante dun novo paradigma como consecuencia da crise do librecambismo clásico, que papel vai xogar a OTAN neste novo escenario?

Eu sinalaba, en esencia, tres posíbeis saídas a esta crise do sistema neoliberal. Continuar nas mesmas condicións que até agora con leves modificacións; a saída civilizada, mediante un poscapitalismo de cooperación, ou a barbarie global. Coa situación actual, coa guerra do Leste en plena evolución, pode parecer que o mundo se inclinou por esta última saída. Pero a realidade é enormemente complexa e as saídas teóricas que eu manexaba hai case dous anos hai que matizalas moito, sobre todo porque xa non é posíbel funcionar no mundo ao ditado do imperialismo occidental e hai variábeis inesperadas, como o actual conflito ucraíno, que vai xogar un papel determinante na conformación xeopolítica do próximo futuro. Ucraína xogou un papel fundamental nesta estratexia e o desenlace coa invasión rusa explica de forma moi clara que ese conflito larvado desde 2014 no Donbass estaba deseñado para arruinar a colaboración mutuamente vantaxosa entre Rusia e a UE, a través de Alemaña, exemplificada no gasoduto Nord Stream II, unha arteria enerxética enormemente vantaxosa para os europeos. Finalmente, foi paralizado polo novo Goberno alemán por orde de Estados Unidos coa xustificación da invasión rusa. Ese era o obxectivo principal do alargamento do conflito do Donbass. Estragar a cooperación entre Rusia e a UE que Estados Unidos  vía como unha ameaza ao seu liderado occidental en plena crise e estancamento do sistema neoliberal. En definitiva, a OTAN é o instrumento para garantir a inestabilidade no continente europeo e neutralizar calquera posíbel entendemento no inmediato futuro. A curto prazo será así, pero esa situación non pode durar. É anti-natural e, dunha maneira ou doutra, será imposíbel de aturar se non hai cambios substanciais nos ámbitos social, económico e xeopolítico.

A súa palestra  na contracimeira galega contra a OTAN que se celebra mañá, domingo 19, sobre a unipolaridade e a multipolaridade no mundo actual, como ve o estado da correlación de forzas entre os dous bloques actualmente en confronto?

A correlación está variando, como é lóxico nun conflito en plena evolución. Pero os cambios están á vista de todo o mundo. En Latinoamérica, a situación camiña cara á unha maior independencia respecto de Estados Unidos a pesar dos bloqueos económicos, de quintacolumnistas, ameazas, golpes de estado e asasinatos de líderes sociais. A posición de López Obrador, presidente de México, practicando unha aberta crítica anti-neoliberal, é paradigmática dos novos aires que osixenan ese continente, revolucionario por excelencia. O mesmo sucede, con diferentes matices, en África ou Asia, onde a posición de China, en estreita alianza con Rusia, é vital para entender por onde van ir os novos cambios. En definitiva penso que, de forma inevitábel, o mundo camiña cara á unha formulación multipolar onde as relacións cooperativas e anti-hexemónicas serán maioritarias, aínda que a evolución non será lineal nin fácil para as nacións anti-imperialistas e para a consolidación do novo modelo.

Comentarios