A guerra en Ucraína, en directo, este 12 de abril

Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.

Edificios derrubados en Chernihiv (Celestino Arce Lavin/ZUMA Press/DPA); bombeiros realizando operacións de rescate en Borodyanka (Matthew Hatcher/Zuma Press/ContactoPhoto); helicóptero de combate abatido en Havronshchyna (Sergei Chuzavkov/Zuma Press/ContactoPhoto).
photo_camera Edificios derrubados en Chernihiv (Celestino Arce Lavin/ZUMA Press/DPA); bombeiros realizando operacións de rescate en Borodyanka (Matthew Hatcher/Zuma Press/ContactoPhoto); helicóptero de combate abatido en Havronshchyna (Sergei Chuzavkov/Zuma Press/ContactoPhoto).

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

18.11 | O presidente de Alemaña lamenta que Kíiv rexeitase a súa visita a Ucraína

O presidente de Alemaña, Frank-Walter Steinmeier, afirmou nesta terza feira que non viaxará a Ucraína para entrevistarse co seu homólogo, Volodimir Zelenski, porque este rexeitou que acudise a Kíiv.

O Goberno ucraíno mantén unha tensa relación con Alemaña pola súa posición reticente con respecto á imposición de sancións a Rusia. Aliás, Zelenski criticou a postura de Steinmeier cando era ministro de Exteriores e afirmou que había que estabelecer vínculos comerciais entre o seu país e Rusia.

15.27 | Ucraína lamenta o presunto uso de armas químicas en Mariupol

Desde o comezo da guerra de Ucraína, unha das cidades máis castigadas pola ofensiva militar rusa é Mariupol. O alcalde da cidade, Vadim Boichenko, afirmou que máis de 10.000 persoas morreron como consecuencia dos bombardeos.

Agora, tanto o Goberno ucraíno como os Estados Unidos (EUA) e o Reino Unido veñen de lamentar un presunto uso de armas químicas en  Mariupol por parte do exército ruso. Segundo a ministra de Exteriores británica, Liz Truss, os soldados de Rusia poderían ter empregado un dron para levar a cabo a difusión dun axente químico prexudicial para as persoas.

12.50 | Zelenski acusa Rusia de "perpetrar torturas brutais" en Ucraína

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, acusou esta terza feira as tropas rusas de "perpetrar torturas brutais" en Ucraína, entre as que mencionou "centos de violacións". "Miles de vítimas, centos de casos de tortura brutal. Aínda se atopan cadáveres en sumidoiros e sotos. Corpos atados e mutilados. Centos de orfos, porque aínda non sabemos o número exacto de vítimas", dixo, en declaracións recollidas por Europa Press.

11.30 Putin di que o "principal obxectivo" é "axudar a xente do Donbass"

O presidente da Federación Rusa, Vladímir Putin, confiou esta terza feira en "conseguir todos os obxectivos da operación militar rusa en Ucraína", segundo recolle Russia Today. "Os obxectivos son moi claros e honorábeis, o principal é axudar a xente no Donbass", dixo, facendo alusión ao "xenocidio" que, afirmou, se estaba a producir nesta rexión, xa que "Kíiv, empurrado por Occidente, negouse a cumprir os Acordos de Minsk".

09.38 | A ONU alerta da recrudescencia dos ataques no Donbass: "Os civís non teñen acceso a subministros vitais"

O portavoz da secretaría xeral da ONU, Stéphane Dujarric, di estar "fondamente preocupado" polos "intensos combates e ataques aéreos" en Luhansk e Donetsk, tanto nas zonas controladas polo Goberno ucraíno como nas que están baixo dominio das repúblicas populares do Donbass.

08.20 | Oito mortos e 19 feridos polos ataques en Kharkiv

As autoridades ucraínas, segundo recolle Europa Press, informaron de que oito persoas faleceron, entre elas un cativo, e outras 19 resultaron feridas polos bombardeos en Kholodna Gora, na cidade de Kharkiv.

07.45 | Ucraína alerta dunha nova ofensiva no Donbass

O ministro de Defensa ucraíno, Oleksander Motuzianik, alertou esta segunda feira de que o "reagrupamento ruso" no Donbass tería culminado e agora o exército buscaría unha "nova ofensiva" para a que, dixo, Kíiv está "preparado". "Prevemos que as hostilidades activas comezarán nesta rexión nun futuro próximo", afirmou, en alusión ás cidades e vilas deste territorio baixo control de Ucraína.

07.30 | Medvédev: "Rusia non se fechará ao mundo en vinganza contra os idiotas"

O ex presidente da Federación Rusa e actual vicepresidente do Consello de Seguridade do país, Dmitri Medvédev, vén de condenar, en declaracións recollidas por Russia Today, a "prohibición da cultura rusa" en Occidente tras o inicio da invasión de Ucraína. Neste senso, lamentou que "moitos europeros loen Dostoyevski, Chéjov, Shostakóvich e Pushkin" mentres "pretenden apropiarse dos bens materiais [rusos] que se atopan temporalmente no estranxeiro". A este respecto, apuntou: "Rusia non se fechará ao mundo en vinganza contra os idiotas".

Comentarios