A guerra en Ucraína, en directo, este 11 de marzo

Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína.
photo_camera Os presidentes da UE reuníronse onte en Versalles; seguen a chegar refuxiados ucraínos a Polonia, un gran número deles crianzas; sistemas antiáreos de defensa na fronteira de Polonia e Ucraína. (Foto: Eric Lalmand/BELGA/dpa; Sebastian Gollnow/dpa; Christophe Gateau/dpa)

🔴 [EN DIRECTO]

 Actualizar

22.05 | Axuda militar, mais non política, dos líderes da UE ao Goberno de Ucraína

A UE decidiu duplicar o financiamento para o envío de armas a Ucraína con 500 millóns de euros, alcanzando un total de 1.000 millóns destinados á defensa da soberanía ucraína ante a invasión do Exército ruso. Así se acordou esta sexta feira no Consello Europeo, a reunión dos xefes de Estado e de Goberno dos 27, desenvolvida en Versalles.

21.55 | O agro pide axudas e frear a especulación cos cereais para evitar o feche de granxas

Fruga pide ás administracións que actúen para conter o impacto da suba de prezos nas granxas; do contrario, chamará á mobilización.

21.30 | A ONU afirma non ter coñecemento da existencia de armas biolóxicas en Ucraína

O Consello de Seguridade da ONU reuniuse a petición de Rusia para estudar a suposta presenza de armas biolóxicas en Ucraína, algo que para os EUA é un "pretexto" de Moscova para "xustificar os seus propios ataques violentos".

20.18 | YouTube e Google bloquearán en todo o mundo o acceso a canles "asociadas" a medios afíns ao Goberno ruso

A compañía audiovisual YouTube, que pertence á multinacional Google, anunciou novas restricións aos medios de comunicación "afíns" a Vladímir Putin, así como as canles "asociadas" aos mesmos: "Estamos bloqueando o acceso ás canles de YouTube asociadas cos medios financiados polo Estado ruso a nivel mundial. Esta mudanza é efectiva de inmediato, pero esperamos que os nosos sistemas tomen o seu tempo para polo en marcha", dixo a empresa.

19.45 | A UE avanza novas medidas punitivas contra Rusia

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, avanzou esta sexta feira, en declaracións recollidas por diferentes medios de comunicación, que este mesmo sábado a Unión Europea aprobará un novo paquete de sancións contra Rusia na liña das xa anunciadas polos EUA, como suspender o país como membro do FMI e o Banco Mundial.

19.10 | Estas son as novas sancións a Rusia: "O mundo libre únese para loitar contra Putin", di Biden

Os EUA prohíben a importación dunha serie de produtos rusos, desde cereais até diamantes, e os países do G7 estudan acordar que a Federación Rusa non poida obter financiamento de organismos como o FMI ou o Banco Mundial.

18.19 | Ucraína acusa Rusia de facer en Belarús "ataques de falsa bandeira" para forzar a súa entrada na guerra

A Rada [Parlamento] de Ucraína vén de denunciar, a través do seu perfil de Twitter, un suposto ataque ruso a Belarús: "Segundo os nosos datos, o Exército ruso está a levar a cabo unha serie de ataques aéreos en instalacións situadas en Belarús coa finalidade de acusar Ucraína de atacar e, finalmente, implicar as Forzas Armadas belarusas na guerra". Aliás, a Rada incide en que Kíiv "nunca preveu nin preverá tomar ningunha acción agresiva contra Belarús".

18.10 | A ONU nega a existencia de "programas de armas biolóxicas"

A secretaria xeral adxunta e Alta Representante para Asuntos de Desarmamento da ONU, Izumi Nakamitsu, afirmou esta sexta feira non ter coñecemento de "ningún programa de armas biolóxicas en Ucraína", ao tempo que subliñou que as acusacións vertidas por Rusia "presentáronse sen probas", segundo recolle a axencia Reuters.

17.20 | Biden rompe relacións comerciais con Rusia

O presidente dos EUA, Joe Biden, prohibiu esta sexta feira a importación dunha serie de produtos rusos, como cereais, vodka, diamantes ou caviar, e restrinxiu as relacións comerciais con Moscova, como parte dun novo paquete de sancións en resposta á invasión de Ucraína. Aliás, a Casa Branca avanzou que os países do G7 teñen previsto acordar que Rusia non poida obter financiamento de institucións financeiras multilaterais, como o FMI ou o Banco Mundial.

Con todo, Biden rexeitou pelexar nunha "guerra de Rusia contra Ucraína, xa que iso, sinalou, "podería derivar na terceira guerra mundial". Ao mesmo tempo, subliñou que o Goberno de Vladímir Putin "pagará un alto prezo se recorre a armas químicas", segundo informa a Agence France-Presse.

17.00 | Ucraína cifra os danos a infraestruturas en 120.000 millóns de dólares

O viceministro de Economía de Ucraína, Denys Kudin, cifrou esta sexta feira en 120.000 millóns de euros o prezo das infraestruturas danadas no país por mor da guerra que estoupou o pasado 24 de febreiro. "Esta cifra seguirá a medrar cada día", advertiu, segundo recolle o xornal The Kyiv Independent.

16.35 | Os EUA non ven "seria" a posición diplomática de Putin

A vicepresidenta dos EUA, Kamala Harris, acusou o presidente ruso, Vladímir Putin, de non estar a actuar de forma "seria" nos encontros diplomáticos entre ambos os países. "Desde o principio, os EUA estiveron intentando sinceiramente involucrarse de forma activa na diplomacia. E por todo o que sabemos e temos presenciado, Putin non mostra sinais de involucrarse nunha diplomacia seria", dixo.

15.40 | Milleiros de soldados chechenos, "listos" para combater

Segundo recolle a axencia rusa Sputnik, "centenares de miles de mozos chechenos únense ao acto patriótico 'Somos a Reserva' e queren participar como voluntarios da operación militar de Rusia en Ucraína". "Arden en desexos de engrosar as filas de voluntarios", dixo o líder de Chechenia, Ramzán Kadírov.

14.15 | O Goberno español enviará novas armas a Ucraína, pero rexeita concretar de que tipo

A ministra de Defensa do Estado español, Margarita Robles, anunciou nesta quinta feira que o Goberno vai realizar "moi pronto" un novo envío de armamento a Ucraína durante unha visita a Ferrol, pero non quixo concretar de que tipo será ese novo cargamento.

A xefa do departamento militar non deu máis detalles sobre o tipo de armas nin a data exacta dese envío, pero reiterou que o Executivo estatal é "absolutamente solidario co pobo de Ucraína", queestá a desenvolver "unha resistencia heroica", engadiu.

13.42 | China insta os Estados Unidos a contar a verdade sobre as "instalacións de investigación biolóxica"

A portavoz do Goberno chinés, Hua Chunying, instou nas súas redes sociais a que os Estados Unidos (EUA) conte a verdade sobre as "instalacións de investigación biolóxica" das que desvelou a a súa existencia a subsecretaria de Estado de Asuntos Exteriores, Victoria J. Nuland, ante as preguntas dos senadores estadounidenses.  

Segundo a portavoz, os EUA deben contestar "directamente e con honestidade" tres preguntas: "Que intentaba ocultar a embaixada de Estados Unidos en Kiev eliminando apresuradamente documentos do seu sitio web?; Por que os EUA impiden, en solitario e durante 20 anos, a conclusión dun protocolo de verificación da Convención sobre Armas Biolóxicas?; e que impide que os EUA abran os seus laboratorios biolóxicos no exterior, así como Fort Detrick, a inspeccións internacionais independentes?".

12.33 | Comeza o encontro entre Lukashenko e Putin no Kremlin

Os presidentes de Belarús e Rusia, Oleksandr Lukashenko e Vladimir Putin, reúnense no día de hoxe no Kremlin para analizar a evolución da ofensiva militar en Ucraína e estudar as novas actuacións nos vindeiros días.

O presidente belaruso volveu afirmar que Ucraína tiña pensado atacar o seu país nas vindeiras semanas, e insistiu no ataque ao Donbás que, segundo a intelixencia rusa, ía ter lugar.

 

11.17 | Rusia ataca Dnieper, Lutsk e Ivano-Frankivsk, cidades ucraínas libres de bombardeos até o de agora

O exército ruso comezou a bombardear no día de hoxe tres novas cidades de ucraína, que até o de agora se mantiveran libres dos bombardeos ordenados polo presidente de Rusia, Vladimir Putin. Trátase de Dnieper, no este do país; Lutsk, a 87 quilómetros de Polonia; e Ivano Frankvisk, a 153 quilómetros de Romanía.

10.27 | A ONU eleva a 2,5 millóns os refuxiados ucraínos desde o comezo da guerra

O Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), Filippo Grandi, afirmou que desde o comezo da guerra en Ucraína máis de 2,5 millóns de persoas tiveron que fuxir do paí. A ONU cualifícao como o éxodo producido en menor tempo desde a Segunda Guerra Mundial. 

9.43 | Diversos medios apuntan que Vladimir Putin apoia o envío de voluntarios "de Oriente Medio" a loitar a Ucraína

Diversos medios de comunicación, como Russia Today, Sputnik ou a Agence France-Presse (AFP) apuntan que o presidente de Rusia, Valdimir Putin, apoia o envío de voluntarios e mercenarios "de Oriente Medio" para loitar en Ucraína. Segundo  o Ministerio de Defensa ruso, xa recibiron 16.000 peticións de voluntarios que queren formar parte da ofensiva militar en solo ucraíno.

7.59 | Rusia e Ucraína reúnense sen avances sobre o cesar o fogo

O ucraíno Kuleba informou tras a xuntanza de onte de que procurara un cesamento dos combates durante 24 horas así como este paso seguro para evacuar a poboación civil da asediada urbe do Mar Negro, mais dixo que Lavrov rexeitara comprometerse a ningunha destas medidas. O ministro ruso, pola súa parte, manifestou que lle recordara a Kuleba as propostas presentadas por Moscova a Kíiv e que o obxectivo de Rusia era unha desmilitarización amigábel de Ucraína.

Comentarios