Guardiola dedica aos Jordis a vitoria do Manchester City en Champions

Se o FCB é máis que un clube, Pep Guardiola é máis que un treinador. É hoxe un símbolo, un icone do soberanismo catalán. Sempre atentísimo ao desenvolvimento dos acontecimentos, o míster do Manchester City dedicou esta terza feira a vitoria da súa equipa na Champions [2-1 face ao Nápoles] a Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, en prisión desde segunda por pretensa sedición.

guardiola-crop
photo_camera Guardiola, votando na consulta autodeterminista de 9 de novembro de 2014

Ao remate do xogo coa equipa italiana, Guardiola tivo unha emocionada lembranza para os líderes da ANC e de Òmnium Cultural, encarcerados pola xuíz da Audiencia Nacional Carmen Lamela en aplicación dunha medida cautelar (o caso está sendo aínda instruído e, portanto, non hai nengunha sentenza contra eles).

"É un bon momento para lles dedicar a vitoria. Non hai civismo máis grande que as ideias. Quer Òmnium quer a ANC fixérono sempre todo con civismo, expresando as súas ideas, aquilo que queremos", dixo o treinador.

"A tal hora a situación é a que é. Oxalá podan saír o máis axiña posíbel porque agora mesmo é como se todos estivésemos alí [en Soto del Real], a verdade", engadiu.

Non só Guardiola se puxo sen o dubidar nen un momento acarón dos líderes soberanistas, o Futebol Club Barcelona -que este serán recebe no Camp Nou, en partido tamén de Champions, o Olympiakos- quixo tamén simbolizar o seu respaldo aos Jordis convidando os números dous de ANC e OC a presenciaren o choque desde o palco de autoridades.

Comentarios