Guantánamo chega ao 20 aniversario con promesas vacuas dos EUA para clausurala

A prisión militar ten recluídas na actualidade 39 persoas sen xuízo civil.
guantanamo_dod
photo_camera Presos de Guantánamo vestidos co característico mono laranxa (Foto: Departamento de Defensa dos EUA)

Dúas décadas despois do seu estabelecemento na base que EUA conserva en Cuba, na baía de Guantánamo, a prisión militar homónima mantén encarceradas 39 persoas. Todas retidas sen ter sido xulgadas ante un tribunal civil e moitas sen ser acusadas de ningún cargo. 

Concretamente foi o 11 de xaneiro de 2002, xusto catro meses despois dos ataques con avións comerciais contra obxectivos militares e civís dos EUA, que o Goberno do entón presidente, George W. Bush, decretou o seu estabelecemento.

Para conmemorar "este aniversario ao que nunca se debeu ter chegado", a ONG Amnistía Internacional (AI) prepara varias mobilizacións en diferentes cidades do mundo. Expertos internacionais en seguridade e dereitos humanos veñen denunciando desde 2002 que a prisión de Guantánamo debería ser clausurada.

"O presidente [dos EUA, Joe] Biden debe cumprir os seu compromiso de fechar Guantánamo dunha vez para sempre", sinalou Daphne Eviatar, dirixente de AI no país norteamericano. 

"Mancha moral"

Washington pronunciouse na quinta feira ao respecto. A preguntas dos xornalistas, o portavoz do Departamento de Estado, Ned Price, afirmou que continuaban "comprometidos e decididos" para "acabar fechando" Guantánamo despois dun "rigoroso proceso centrado en reducir con responsabilidade a poboación de detidos".

Neste sentido, explicou que están a traballar para seleccionar e negociar con outros países os traslados, con "garantías de seguridade e dun trato humano para os detidos", e para determinar que a "lei de prisioneiros de guerra xa non é necesaria" para garantir a seguridade dos EUA.

Ademais, recoñeceu que se trataba dunha "mancha moral". A semana pasada, Biden pediu ao Congreso que elimine as restricións para o traslado dos presos de Guantánamo. A lexislación prohibe o uso de fondos para transferir os detidos a outros países ou aos Estados Unidos.

Sala de xuízos secreta

A detención indefinida en Guantánamo viola o dereito internacional. EUA considéraos "prisioneiros de guerra", xulgados por "comisións militares". Os plans da Casa Branca indican que, moi ao contrario dun próximo feche de Guantánamo, esta prisión militar seguirá aberta.

A semana pasada o diario The New York Times desvelaba que o Pentágono está a construír unha nova sala secreta para xulgar militarmente os detidos. Conta con 4 millóns de euros e podería estar finalizada ao longo de 2023.

Comentarios