Guaidó apoiaría unha intervención militar dos EUA en Venezuela

O autoproclamado presidente “encargado” de Venezuela, Juan Guaidó, non descarta autorizar unha intervención militar dos EUA para derrocar o presidente venezolano, Nicolás Maduro.

Guaidó_entrevistado_por_VOA
photo_camera Guaidó, á esquerda, nunha entrevista

Nunha entrevista concedida a France Presse, o xefe da Asemblea Nacional –declarada en desacato en 2016 e controlada pola oposición– autoproclamado presidente "encargado" de Venezuela, Juan Guaidó, non descartou autorizar unha intervención militar dos Estados Unidos de América ou dunha forza estranxeira para tombar o presidente Maduro.

“Faremos o que sexa necesario. Esa é, evidentemente, unha cuestión polémica, mais facendo uso da nosa soberanía, do exercicio das nosas prerrogartivas, faremos o que for necesario”, respondeu Guaidó cando lle preguntaron se autorizaría unha posíbel intervención militar.

Guaidó sinalou que se aseguraría de que todas as accións dirixidas para materializar o propósito de derrocar Maduro tivesen o menor custo posíbel e, á vez, xerasen gobernabilidade e estabilidade para poder atender a “emerxencia nacional”.

O Goberno de Maduro segue a denunciar que a postura de Washington, que apenas tardou media hora en recoñecer Guaidó como novo xefe de Estado, embora non se ter presentado a ningunha elección como candidato a tal cargo, leva implícito o desexo de se apoderar dos recursos naturais de Venezuela. Os dirixentes bolivarianos consideran que a Casa Branca planea crear un novo escenario de inestabilidade, tal e como aconteceu no seu día en Libia, O Iraq ou Siria.

Comentarios