Un grupo de militantes e cargos anti-abortistas abandonan o Sinn Féin para crear un novo partido

Anuncian a súa intención de concorrer ás eleccións municipais de 2019 en Irlanda do Norte. 

 

irlanda sinn fein escición @toibin1
photo_camera Foto: @toibin1

O debate sobre o dereito ao aborto tradicionalmente xerou incomodidade en certos sectores do Sinn Féin. Se ben o centenario partido ubícase na esquerda, republicana e a favor das liberdades e dereitos sociais, unha parte das súas bases son antiabortistas. Peadar Tóibín era unha das voces deses sectores do Sinn Féin, partido que vén de deixar após 21 anos de militancia. Tóibín fora suspendido durante seis meses polo S.F por votar como deputado no Parlamento irlandés contra o dereito ao aborto.

A nova formación non ten aínda nome mais os seus impulsores xa anuncian que este será en irlandés, se ben aclaran que de “doada pronunciación” para os non falantes de gaélico. Vai ser, anuncian, unha formación a favor dunha Irlanda unida, partidarios de non ocupar os escanos (de obtelos) no Parlamento británico e que aposta na “pequena e mediana empresa” así como na  "xustiza social”. Entre os seus principios, destacan, a liberdade de conciencia dos seus membros electos en cuestións como a do aborto. Así mesmo, son contrarios ao proxecto actual da Unión Europea.

Tóibín afirma que por volta de 25 cargos electos e un cento de persoas xa manifestaron a súa intención de se sumar a este novo partido republicano. Entre os nomes máis coñecidos, o de Declan McGuinness, irmán do histórico líder republicano do Sinn Féin Martin McGuinness, falecido en marzo de 2017.  

Comentarios