Greve xeral en Palestina após os EUA recoñecer Xerusalén como capital de Israel

Convocatoria unitaria das diversas forzas palestinianas perante unha decisión “con consecuencias de longo alcance, advirten.

Bandeiras de Palestina nunha manifestación

Donald Trump cumpriu a súa promesa: Estados Unidos recoñece Xerusalén como capital do Estado de Israel e deu orde a que comecen os preparativos de traslado de Tel-Aviv a esa cidade da embaixada estadounidense. O paso dado polo presidente (apoiado polos republicanos e un bo número de demócratas) é unha importante volta de porca no apoio de EUA a Israel, apostando nun feito consumado que xerou críticas e rexeitamento na comunidade internacional. En Palestina, a resposta concrétase nunha greve xeral, mobilizacións e protestos, convocados unitariamente polas diversas forzas palestinianas, quer laicas quer confesionais.

A greve abrangue desde o comercio até o sector educativo. Israel respondeu reforzando a presenza e control policial e militar en torno aos territorios palestinianos ocupados. Para os palestinianos, a decisión de EUA é unha afrenta insorportábel, para alén dunha violación de acordos internacionais, e un paso de cara a tentar impedir calquera posibilidade dee xistencia dun Estado palestiniano.

“A decisión é unha declaración de guerra de Estados Unidos contra o pobo palestiniano”, manifestaron desde o movemento Hamas. “Non hai paz baixo a ocupación”. Desde Al Fatah xa sinalaron que con esta decisión, Estados Unidos perde o rol de mediador, para alén de abrir as portas a un escenario de máis conflito.

Comentarios