Folga xeral en Grecia contra 4.000 despedimentos na función pública

Esta terza feira o Estado heleno acolle a cuarta folga xeral en seis meses. O goberno de Antoni Samarás prevé o despedimento de 4.000 traballador@s e a mobilidade doutr@s 25.200 que poderían rematar na rúa

photo_camera [Imaxe: Vozpopuli]

A reforma que prevé aprobar o executivo grego inclúe o despedimento de 4.000 funcionar@s antes de rematar o ano e traslado de máis de 25.000 que pasarán a tomar parte dunha "reserva laboral". Aliás, asumirán unha redución salarial do 25%. De non seren recolocad@s nun prazo de 8 meses serán despedid@s. 

O sector público emprega en Grecia arredor de 700.000 persoas. A medida será sometida a votación esta cuarta feira (16 de xullo).

As dúas centrais sindicais maioritarias convocaron esta cuarta xornada de loita para "pór fin ás políticas" que pretenden "aniquilar aos traballadores" e levar "á economía a unha recesión maior", reivindicaron. Aliás, advertiron, "erguerémonos contra quen, con eleccións trabucadas e paralizantes, levaron o pobo grego á pobreza e a desesperación". 

O novo pacote de reformas promovido polo goberno de Samarás ten por obxecto cumprir cos recortes orzamentarios exixidos pola Troika para desbloquear máis un tramo do rescate --6.800 millóns de euros. 

Esta cuarta feira, coincidindo coa votación parlamentar, novas manifestación encherán as rúas da capital. Segundo recolle a prensa internacional, todo apunta que a reforma será finalmente aprobada malia as disensións entre @s integrantes da coalición de goberno. No entanto, prevese que os protestos se manteñan nos vindeiros días. 

"Non podemos continuar vivindo con só 400 euros ao mes", denunciou un dos manifestantes. "Non queremos sobrevivir, senón vivir con dignidade" polo que, sentenciou, "imos continuar até o final". 

Comentarios