Greve de fame de moz@s cors@s pola cooficialidade do idioma e capacidade de decisión para a illa

Quince militantes de Ghjuventù Indipendentista iniciaron un protesto que non abandonarán até que París recoñeza as demandas respecto idioma e autonomía aprobadas pola Asemblea de Córsega en 2013.

Corsega corsos greve corsica

Quince mozos e mozas corsas, militantes de Ghjuventù Indipendentista, iniciaron esta semana unha greve de fame indefinida, informa Nationalia. Un protesto que xorde para reclamar o cumprimento das decisións adoptadas en 2013 pola Asemblea de Córsega e que non foran aplicadas pola falla de poder lexislativo desta entidade e polos obstáculos de París. As demanas son a cooficialidade do corso, un réxime fiscal propio para a illa, e un estatuto que ‘blinde’ as e os corsos do aumento do prezo de vivenda en Córsega derivado das caras segundas residencias que os ricos franceses constrúen na illa. Outra das demandas destas quince grevistas é a amnistía para as e os presos políticos corsos.

Estes mozos instaláronse para levar a cabo este protesto no Castelo de Corti, un lugar con significado para o nacionalismo corso, pois alí residiu a capital da República Corsa independente do século XVIII. Desde alí xa anunciaron que non van abandonar a greve até ser recibidos por un alto representante do Estado francés. Insisten en que as demandas que prantexan son apoiadas pola inmensa maioría dos habitantes da illa, e que foran democraticamente aprobadas pola Asemblea corsa.

Apoio nacional e internacional

A greve de fame ten o apoio de partidos e movementos sociais corsos. Do autonomista PNC (Partiu di a Nazione Corsa) ao independentista Corsica Libera. Estes piden que unha delegación de deputad@s da Asemblea formen unha delegación de apoio aos grevistas. Mais tamén teñen o apoio de colectivos e agrupacións sociais e culturais.

A Ghjuventù Indipendentista mandou unha petición de apoio internacional a este protesto e ás demandas dos grevistas, que se pode asinar aquí.


 

Comentarios