Eleccións xerais anticipadas

Grecia vota rodeada de enquisas que apuntan a fin do goberno de Tsipras

Este domingo 7 de xullo case dez millóns de gregas e gregos están chamados a acudir ás urnas nunhas eleccións xerais anticipadas, convocadas polo primeiro ministro Alexis Tsipras após os malos resultados da Syriza nos pasados comicios europeos e locais. Un novo Parlamento sairá dos votos emitidos este domingo e a maioría das enquisas dan por feito o fin da etapa Tsipras e a vitoria do partido de dereitas Nova Democracia.

Tsipras nun acto de fin de campaña [Imaxe @Syriza_gr]
photo_camera Tsipras no acto de fin de campaña [Imaxe: @Syriza_gr]

Os colexios electorais gregos abriron ás 7 da mañá para que as case dez millóns de gregas e gregos chamados ás urnas poidan exercer o seu dereito ao voto nas eleccións xerais ao parlamento heleno. O primeiro ministro Alexis Tsipras convocou os comicios para este domingo 7 de xullo de maneira adiantada, após solicitar a disolución a cámara ao presidente da república, Prokopis Pavlopulos.

O mandatario grego e líder da Syriza tomou nota desta maneira do fracaso electoral colleitado pola súa formación nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo do 26 de maio e as municipais do 2 de xuño, que deixaron a Coalición da Esquerda Radical (Syriza) nunha complicada situación após ficar case nove puntos porcentuais por detrás da dereita do partido Nova Democracia.

A maioría das enquisas dan por feito a vitoria de Kyriakos Mitsotakis, líder da Nova Democracia e pertencente a unha longa saga político-familiar

A maioría das enquisas dan por feito a vitoria de Kyriakos Mitsotakis, líder da Nova Democracia e pertencente a unha longa saga político-familiar. O seu pai foi primeiro ministro grego, a súa irmá dúas veces ministra e o seu sobriño é o actual alcalde de Atenas.

Mais a Syriza non tira a toalla e agarda dar a volta as enquisas poñendo en valor a súa política social desenvolvida con maior intensidade no último ano. Nese sentido, Tsipras afirmou no fin de campaña que “os sacrificios do pobo” deberían compensarse con máis avances sociais durante unha nova lexislatura baixo o goberno da esquerda.

A Syriza non tira a toalla e agarda dar a volta as enquisas poñendo en valor a súa política social

Con todo, segundo sinalan os inquéritos, o obxectivo da Syriza estaría máis ben e marcar a súa posición como primeira forza da oposición e formación de referencia para a esquerda. Nesa carreira ten tamén varias adversarias como Kinal (coalición na que figura o espazo socialdemócrata de centro esquerda Pasok que foi barrido após o estoupido da crise e o trunfo da Syriza) liderada por Fofi Gennimata.

Na esquerda tamén está o partido comunista, o KKE, que aspira a incrementar o seu número de apoios e que se atopa liderado por Dimitris Koutsoumpas.

Por último, no campo da esquerda tamén figura a formación internacional DIEM25, impulsada polo ex ministro de finanzas grego Yanis Varoufakis.

Varoufakis dimitira após o goberno de Tsipras aceptar as imposicións da troika que foran rexeitadas no referendo convocado polo propio líder da Syriza en xullo de 2015. O ex ministro apresentouse nas pasadas eleccións do 26 de maio de 2019 ao Parlamento Europeo por Alemaña, mais quedou fóra da eurocámara.

Varoufakis quere volver ao Parlamento grego. As enquisas sinalan que é posíbel que supere o límite do 3%

Agora quere volver ao Parlamento grego. As enquisas sinalan que é posíbel que supere o límite do 3% dos sufraxios necesarios para poder acceder, mais descartan que acumule todo o voto que prognostican que a Syriza perderá esta madrugada.

As outras forzas con posibilidades de ter representación son o partido neonazi Amencer Dourado con Nikolaos Michaloliakos, que rivalizará con máis forzas fascistas nas urnas que pretenden sacar representación a costa do seu desgaste, a formación conservadora Anel de Panos Kammenos e o partido autodenominado centrista EK liderado por Vassilis Leventis.

Nas anteriores eleccións do 3 de outubro de 2015 o parlamento constituíuse con 145 representantes da Syriza

Nas anteriores eleccións do 3 de outubro de 2015 o parlamento constituíuse con 145 representantes da Syriza, 78 de Nova Democracia, 20 do Pasok-Dimar; 16 de Amencer Dourado, 15 do KKE, 6 de ANEL, 5 de To PoTami, 5 de EK e 10 independentes.

O Parlamento grego, coñecido como o Consello dos Helenos sitúase na popular praza Sintagma en Atenas (que acolleu as masivas mobilizacións contra a troika) e conta cun total de 300 membros que se elixen por sufraxio directo, universal, secreto e obrigatorio, para un período de 4 anos.

O partido máis votado recibe un extra de 50 dos 300 escanos do parlamento, polo que só 238 escanos son adxudicados en 56 circunscricións electorais. Outros 12 distribúense proporcionalmente a escala nacional, cun limiar do 3% requirido para obter representación parlamentaria

Comentarios