Grecia e Turquía, dous inimigos íntimos

Veciños e rivais, Grecia e Turquía manteñen unhas complicadas relacións que os levaron ao enfrontamento bélico en varias ocasións. O dominio e explotación do Mar Exeo é a principal fonte de disputas entre os dous países; os xestos simbólicos, como a recente conversión de Santa Sofía en mesquita, tampouco axudan. 
El presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, en la antigua Basílica de Santa Sofía de Estambul

El presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, en la antigua Basílica de Santa Sofía de Estambul


19/7/2020
photo_camera O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, en Santa Sofía, templo que o 24 de xullo acolleu o primeiro rezo musulmán en 86 anos (Twitter)

No caso dun posíbel conflito bélico entre Grecia e Turquía "estaremos probabelmente sós", sinalaba en xuño o ex ministro de Defensa Evangelos Apostolakis. Facía estas declaracións para pór en valor o acordo estratéxico alcanzado con Italia na demarcación das Zonas Económicas Exclusivas (ZEE) no Mediterráneo entre os dous países. Apostolakis tamén incidía na necesidade de avanzar nas negociacións con Exipto para estabelecer un pacto similar. Este chegou na quinta feira. 

Unha ZEE é unha faixa marítima descrita na Convención da ONU sobre o Dereito do Mar de 1982, onde cada Estado soberano ten dereitos especiais e exclusivos para a explotación dos recursos marítimos. Esténdese 200 millas náuticas (370 km) desde a liña base costeira.  

Estes dous acordos do Executivo grego buscan contrarrestar outro idéntico asinado recentemente entre Turquía e o Goberno de Acordo Nacional (GNA, o órgano executivo de transición auspiciado en 2015 en Libia pola ONU), que a UE ─e tamén os EUA─ cualificou de "ilegal". 

O pacto entre Atenas e o Cairo, outra peza máis no intricado puzzle do Mediterráneo, non foi complicado desde un punto de vista político, dado que Exipto apoia o Exército Nacional Libio do xeneral Khalifa Haftar, enfrontado ao GNA. O obxectivo do Goberno grego é frear os plans de Turquía de extraer gas na zona, tamén en augas de Grecia e de Chipre. Dous Estados membros da UE que consideran que os últimos movementos turcos cruzan unha "liña vermella".

A comezos de xullo o xefe da diplomacia comunitaria, Josep Borrell, viaxou a Turquía para abordar as diferenzas sobre este tema. Tamén sobre Libia, onde malia as recentes declaracións públicas a Comisión mantense como mero observador no conflito. E tamén sobre a política migratoria, outra cuestión que causa friccións entre Ankara e Bruxelas, nomeadamente Ankara e Atenas.

Turquía é a principal ruta para persoas migrantes e refuxiadas que buscan chegar á UE, especialmente desde o inicio da guerra en Siria en 2011. Na actualidade alberga case catro millóns de cidadáns sirios fuxidos do conflito, o país con maior número de refuxiados do mundo. 

Ankara comprometeuse en 2016 con Bruxelas a frear o seu tránsito cara á UE a cambio dunha cantidade de diñeiro. O incumprimento dos pagos desatou a última crise, en marzo, co Goberno turco ameazando con abrir as fronteiras. Este é un dos principais motivos que permiten a Ankara mover as súas pezas con comodidade polo Mediterráneo.

Aspectos simbólicos

Ás cuestións económicas e xeopolíticas súmanse as identitarias e simbólicas, que fan que a relación de Grecia con Turquía ─outrora un firme candidato a ingresar no club comunitario─ continúe a ser tóxica e explosiva.

 O pasado 24 de xullo celebrouse na antiga basílica bizantina Santa Sofia de Estambul o primeiro rezo musulmán en 86 anos. Santa Sofía serviu como igrexa durante máis de 900 anos, desde que foi inaugurada en 537 polo emperador bizantino Xustiniano até a Caída de Constantinopla en 1453 a mans dos turcos otománs. Desde ese ano funcionou como mesquita até 1934, cando o fundador da República turca, Mustafa Kemal Atatürk, aprobou un decreto de musealización do templo. 

Porén, o 10 de xullo, un tribunal turco anulou ese mandato acabando cun dos símbolos de unión de culturas ─ou polo menos de neutralidade─ máis importantes do país. En Turquía, os críticos co Goberno consideran que se trata dunha medida populista para distraer a atención da xestión da pandemia. En Grecia, maioritariamente ortodoxa, ven na reconversión unha nova provocación. 

"O que facemos no noso país e coa nosa propiedade é cousa nosa", sinalou ao respecto o ministro de Exteriores turco, Mevlut Cavusoglu, que insistiu en que Atenas non ten voz nas decisións que afectan a estrutura, ao estar esta en territorio de Turquía.

Mais en Grecia, xa comezaron as represalias. Kostas Moutzouris, gobernador da rexión grega do Exeo Setentrional, que inclúe as prefecturas de Quíos, Lesbos e Samos, solicitou por carta ao Goberno que free os traballos de restauración da mesquita Valide, en Mitilene. Estes contan cun financiamento de 1,2 millóns de euros do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da UE.

E en Atenas, a única capital europea sen mesquita, os musulmáns temen que a reconversión de Santa Sofía atrase aínda máis a inauguración do seu templo oficial de rezo, prevista para este outono despois de múltiples adiamentos. Ademais, segundo informaron medios locais, nos últimos días producíronse ataques a varias mesquitas do país, a última esta semana en Trikala.

Comentarios