Grecia seguirá agardando polo rescate

Sen acordo rematou esta segunda feira a xuntanza do Eurogrupo e o Fondo Monetario Internacional cuxo obxectivo é aprobar un outro tramo de rescate para a economía grega.

O obxectivo da xuntaza entre as dezasete economías da zona euro era desbloquear un outro tramo do rescate a Grecia após o anuncio do presidente heleno que aseguraba que a economía do país non podería facer fronte aos seus pagamentos máis aló de novembro. A decisión, que debe ser aceptada de maneira unánime polos Estados da moeda única e o Fondo Monetario Internacional (FMI) terá que agardar a que @s representantes ministeriais da Eurozona "calculen os custos das medidas", pois entenden que as mudanzas introducidas no plan de rescate inicial exixen dunha outra revisión dos seus impactos.

O rescate que recibiría a economía grega suporía arredor de 31.500 millóns de euros máis --que se sumarán á débeda do país--, destinados ao pagamento de gastos correntes. Porén, as dúbidas entre a institución económica internacional e o eurogrupo sitúanse na fórmula en que conseguirán os fondos que Grecia demanda, para o que barallan diversas opcións, entre elas reducir os tipos de xuros dos préstamos bilaterais ou mesmo que se prorroguen os prazos de vencemento dunha débeda que ascende ao 144% do seu PIB. Aliás, algunhas voces procuraron que se lle outorgase unha quita pola que o país heleno ficaría cunha redución no seu endebedamento, porén o ministro de Finanzas alemán asegurou que "ningún país da eurozona aceptaría a quita". Esta opción permitiría a Grecia reducir o seu endebedamento até o 70% do PIB mais os acredores públicos terían que facer fronte a perdas do 50% do diñeiro investido.

O eurogrupo decidiu adiar a decisión até a vindeira xuntanza en que deberán concluír unha solución para Grecia. O FMI e a eurozona reuniranse os vindeiros 3 e 4 de decembro, pois as cuestións que se aproben deberán ser ratificadas --de acordo coas constitucións dalgúns Estados membros, como Alemaña, nos seus parlamentos nacionais.

Comentarios