Grecia, República Checa, Francia e España, Estados con maior desconfianza cara á UE

Segundo un estudo elaborado pola Eurofound sobre a afectación da pandemia, 40% da cidadanía europea é pesimista respecto á situación financeira.
madrid_fame
photo_camera Unha das chamadas "colas da fame", en Madrid, capital española (Europa Press)

"Quizais como reflexo da ausencia dunha estratexia coordinada, a media da confianza na Unión Europea e mesmo menor que a confianza global nos Gobernos" de cada un dos Estados, apunta a Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e de Traballo (Eurofound) no estudo que acaba de publicar sobre a afectación da pandemia na sociedade dos países membros da UE.

Esta media comunitaria é de 4,6, sendo 0 o mínimo e 10 o máximo. A cidadanía de Finlandia, Irlanda e Dinamarca é a que ten maior confianza nas institucións da UE, mentres que no lado posto están a de Grecia, a República Checa, Francia (por debaixo do 4) e España (4).

Segundo apuntan desde a Eurofound, "non é habitual que unha sondaxe rexistre unha media de confianza menor na Unión Europea que no Goberno" do Estado". Neste sentido, sinalan que o Eurobarómetro da primavera de 2019 marcaba os maiores niveis de aceptación na UE desde a Gran Recesión que se produciu a partir da crise financeira de 2008, e moi por riba da confianza nos Gobernos estatais (44% por 34%).

 Na actual sondaxe da Eurofound para medir a afectación da pandemia, a confianza nas institucións da UE rexistrou peores resultados entre as persoas desempregadas e entre aquelas con baixas laborais ou cun grao de discapacidade que imposibilita para o traballo.

O inquérito, titulado Vida, traballo e COVID-19 e elaborado online, tamén recolle unha boa valoración dentro dos Estados ás institucións propias que xogan papeis máis significativos na loita contra a pandemia. 

Así, por exemplo, hai unha grande confianza nos respectivos sistemas de saúde, nomeadamente nos Estados máis golpeados polo coronavirus: España, Bélxica, Italia e Francia.

Situación financeira

Ademais, catro de cada dez participantes manifestaron ser pesimistas ante a situación económica, unha cifra case idéntica á de persoas que consideran que o momento económico é peor que o de hai tres meses. 

Entre a cidadanía dos Estados que consideran que a situación económica de dentro doutro trimestre será aínda peor ─é dicir, os máis pesimistas─ están Grecia, Eslovenia e España.

Ademais, 56% da cidadanía comunitaria afirma non ter aforros suficientes para manter o seu nivel de vida de non poder ter algún ingreso en tres meses.

Comentarios