ATENAS ADMITE QUE O NOVO FINANCIAMENTO TERá "3 OU 4 CONDICIóNS" QUE LIMITARáN A SúA SOBERANíA

Grecia, premida polo ultimato, pide unha prórroga de 6 meses do segundo rescate

Vitoria de Berlín/Bruxelas no pulso con Atenas. Xa veremos de que dimensión. Após o fracaso da cimeira do Eurogrupo decorrida esta segunda feira, Grecia, afogada pola falta de liquidez, aceitou esta terza feira á noite demandar unha prórroga de 6 meses do seu segundo rescate financeiro.

Tsipras europeo
photo_camera Alexis Tsipras

O ultimato dado polo Eurogrupo esta segunda feira concluía esta sexta, mais Atenas non esgotou o prazo e, na noite da terza feira, deu o seu brazo a torcer.

En realidade, Grecia debía facer fronte a pagamentos a curto prazo e existían serias dúbidas sobre se dispuña de suficientes fondos para o facer por si propria. Excluída polo goberno de coligazón de Syriza con Gregos Independentes a hipótese da saída da zona euro, a marxe de manobra é verdadeiramente exigua para Atenas. En xullo vencíalle un crédito por valor de 3.500 millóns de euros. En agosto outro por importe de 3.200. Sinxelamente, non tiña cash na caixa. A situación do país é catastrófica, coa banca privada colapsada e cos grandes patrimonios do país a protagonizar unha xigantesca fuga de capitais desde hai meses. Tsipras pensa nunha reforma fiscal de grande alcance, mais esa operación renderá froitos a meio prazo, nunca a curto.

Onte á noite, unha fonte do goberno grego confirmou a France Press que Atenas enviaría unha proposta ao Eurogrupo [a reunión dos ministros de Finanzas da zona euro] para demandar a prórroga do programa de crédito que o país heleno contraíu coa UE e que concluía o 28 de febreiro.

Atenas puña a énfase en que demanda unha prórroga do programa de crédito acordado en marzo de 2012 coa eurozona, mais non do chamado programa de asistencia coa Troika, mas a diferenza é máis de matiz político do que outra cousa [Tsipras leva días a dicer que el non vai negociar coa Troika]. En realidade, o rescate de 2012 xa foi financiado en parte polo FMI, isto é, pola parte norteamericana da Troika.

A batalla agora é estabelecer a condicionalidade desa prórroga de 6 meses, isto é, a que se compromete Grecia para obter unha nova liña de financiamento do BCE.

O contra-golpe de Atenas só pode vir pola vía de negociar agora a maior flexibilidade posíbel co Eurogrupo para que este lle permita distanciarse o máis posíbel das políticas de austeridade

En principio, estamos ante unha batalla máis política que material. Tsipras quer evitar a toda custa que se fale de termos como "rescate" ou "Troika", mais a realidade é que dificilmente vai poder evitar Atenas a interlocución cos chamados homes de negro, os representantes do triángulo BCE-Comisión Europea-Fondo Monetario Internacional. En política a semántica costuma ser crucial. Atenas admite falar de ampliación do "programa de crédito". Retóricas á marxe, o goberno de Tsipras abre a negociación dunha prórroga do segundo rescate e faino asumindo que terá de aceitar condicionantes á súa soberanía [isto é, o diñeiro non é debalde, para o obter terá de aplicar determinadas políticas de austeridade contra as que Syriza fixo a súa campaña eleitoral].

A condicionalidade típica que exixe Bruxelas é coñecida: reformas do mercado laboral, privatizacións [para favorecer os intereses dos grandes grupos industriais da UE, basicamente alemás e franceses, mas tamén China ou Rusia poderían beneficiarse do negocio da desamortización do sector público heleno] e entrada do capital privado no sistema de pensións.

O contra-golpe de Atenas só pode vir pola vía de negociar agora a maior flexibilidade posíbel co Eurogrupo para que este lle permita distanciarse o máis posíbel das políticas de austeridade e aplicar, destarte, parte do seu programa eleitoral, en teoría expansionista do gasto público e protector dos intereses dos grupos sociais máis castigados pola catastrófica situación en que se acha o país [devastado desde que foi resgatado, como mostra a contracción nun 25% do seu PIB].

De facto, nunha entrevista publicada esta terza feira na revista alemá Stern, Tsipras anunciou que o seu goberno aprobará esta sexta feira un pacote de medidas sociais que “van confortar os traballadores, os desempregados, as pequenas e medias empresas, e van relançar a economia.” 

Comentarios