Grecia presenta novos recortes para satisfacer a Troika

O goberno de Tsipras, disposto a aprobar un paquete de medidas que desbloqueen 7.200 millóns de euros procedentes da Eurozona.

Die Linke
photo_camera Alexis Tsipras [Imaxe Die Linke]

Esta segunda feira o goberno grego encara unha axenda de negociación coas institucións europeas. O executivo de Alexis Tsipras proporá novas reformas para que o Eurogrupo autorice unha nova partida de 7.200 millóns de euros coa que Grecia afrontaría o pagamento de 1.600 millóns de euros ao FMI e por volta dos 700 millóns ao Banco Central Europeo. 

Após un Consello de Ministros no serán do domingo, axencias de noticias como Bloomerg e a canle de televisión privada Mega recollidas polo xornal portugués Público.pt sinalan algunhas das posíbeis cesións do goberno heleno que procuran evitar a saída de Grecia do euro acadando un acordo coa Troika. 

Entre as cuestións que Syriza estaría disposta a asumir atópase a creación de novos impostos, incluídas unha taxa para aquelas empresas con rendementos superiores aos 500 mil euros e outra para persoas con ingresos por riba dos 30 mil. O incremento do IVE nalgúns alimentos e hosteis; a suspensión das xubilacións anticipadas en 2016 e a redución de pensións complementarias no persoal público. 

2.300 millóns de euros da partida que autorice o Eurogrupo destinaríanse a pagar aos acredores gregos (FMI e BCE)

A cambio, piden á Eurozona e o FMI que acepten a re-estruturación da débeda, rexeitan rematar cun subsidio para persoas xubiladas e tamén incrementar dez puntos o IVE da electricidade, como lle reclaman os acredores e a UE. 

O novo programa de reformas previsto polo goberno grego tenta procurar unha saída ao calexón no que se atopan as conversas coa Troika. Neste senso, unha apretada axenda marcará o decorrer das mesmas. 

A media mañá (12.30h) @s responsábeis de Finanzas da zona euro terán un encontro e as xefaturas de Estado e de goberno reuniranse cara ao serán. Entre medias, Alexis Tsipras conversará co presidentes de ambos os dous órgaos, Junker e Tusk. Extra-oficialmente distintas fontes citadas pola imprensa internacional apuntan un posíbel encontro entre o mandatario grego e Angela Merkel con quen tería conversado telefonicamente na xornada de onte. 

Os movementos do executivo heleno prodúcense o día despois de que milleiros de persoas se concentraran na Praza Syntagma (Atenas) para manifestar o seu rexeitamento á austeridade e instar o goberno de Syriza a rachar cos acredores, mesmo saíndo do euro. 

A mobilización foi apoiada por sindicatos e formacións da esquerda entre as que se atopaba o sector máis crítico de Syriza. 

Comentarios