ALEMAÑA CUALIFICA DE "IRRESPONSÁBEL" O NOVO GOBERNO HELENO

Grecia non aceita a extensión do programa da Troika proposta polo Eurogrupo

Concluíu sen acordo a reunión do Eurogrupo en Bruxelas, após 4 horas de debate e negociación. Atenas non está disposta a aceitar a extensión do programa de austeridade imposta pola Troika. As posicións semellan moi distantes. Shäuble, o ministro de Finanzas alemán, cualificou de "irresponsábel" o novo goberno grego.

Shauble
photo_camera Wolfgang Schäuble

Unha fonte do governo grego dixo a Reuters que o rascuño de resolución apresentado na reunión do Eurogrupo era inaceitábel para o goberno grego por implicar a extensión do actual programa da Troika.

Syriza gañou as eleccións sobre a base dun programa contrario ás políticas de austeridade da Troika que, ao seren aplicadas con absoluta dureza en Grecia, resultaron no empobrecimento dos sectores populares do país heleno e na contracción do seu PIB nun 25%.

O seu aliado de coligazón, Gregos Independentes, unha escisión de Nova Democracia, tamén concorreu perante o eleitorado cun programa contrario á extensión do acordo coa Troika.

Tsipras, portanto, ía a esta reunión do Eurogrupo cun mandato eleitoral ben claro, mais bateu coa oposición firme da Alemaña, a potencia hexemónica na UE. Particularmente agresivo estivo esta segunda feira o ministro xermano de Finanzas, Wolfgang Schäuble, quen, antes de comezar a reunión, cualificou o goberno grego como "irresponsábel".

"Teño pena dos cidadáns gregos. Elixiron un goberno que de momento axe dunha forma bastante irresponsábel", dixo nunha entrevista a unha emisora de radio alemá.

Atenas debe facer fronte ao vencemento de créditos a moi curto prazo: 3.500 millóns a 20 de xullo e 3.200 a 20 de agosto

Se Atenas non quer estender o actual programa da Troika, como conseguirá o financiamento preciso para non colapsaren as súas finanzas? A pergunta pairou todo o día sobre o Eurogrupo. Fontes do Goberno Tsipras avanzaron que a solución pasaría, ao seu xuízo, por emitir máis débeda pública de curto prazo que lle permita cumprir todos os seus compromisos financeiros até setembro [o actual programa que suxeita a Grecia á Troika limita aos 15.000 millóns de euros a débeda pública que Grecia podería chegar a emitir]. Despois de Setembro, Atenas estaría disposto a negociar cos seus parceiros europeus, mais non coa trepia BCE-Comisión Europea-Fondo Monetario Internacional.

Ultimato do Eurogrupo

E como fica a partida após o goberno grego recusar a extensión do contrato coa Troika? Fontes do Eurogrupo dixeron a France Press que agardarán até final da semana para ver se Atenas muda de ideia. Bruxelas espera que a presión dos mercados faga insustentábel a resistencia de Grecia.

O problema imediato para o goberno de coligazón grego é achar fontes de financiamento para lle facer fronte aos pagamentos de créditos concertados polo anterior executivo de Nova Democracia: perto de 3.500 millóns de euros que teñen de ser pagos a 20 de xullo e outros 3.200 millóns cuxa amortización debe ser feita a 20 de Agosto. A maior parte destes créditos están en mans dos bancos centrais dos estados que compoñen a zona euro.

Comentarios