Deriva cara á dereita

Grecia irá a eleccións xerais anticipadas

Alexis Tsipras solicitou a disolución do parlamento e a celebración de eleccións xerais anticipadas para o vindeiro 7 de xullo após os malos resultado da Syriza nas eleccións locais e europeas.  

Tsipras nun acto da Syriza
photo_camera Tsipras nun acto da Syriza

O primeiro-ministro grego, Alexis Tsipras, solicitou a disolución do parlamento e a convocatoria de eleccións xerais anticipadas ao presidente da república, Prokopis Pavlopulos, que aceptou a encomenda e datou os comicios para o vindeiro sete de xullo.

As pasadas eleccións ao Parlamento Europeo do 26 de maio e as municipais do 2 de xuño deixaron a Coalicón da Esquerda Radical (Syriza), liderada por Alexis Tsipras, nunha complicada situación após ficar case nove puntos porcentuais por detrás da dereita do partido Nova Democracia.

Syriza afrontará unha campaña electoral co obxectivo de reducir ao mínimo a vantaxe de Nova Democracia

Tsipras trasladou ao presidente da república que os resultados das europeas abriran un período electoral que duraría máis de catro meses (as eleccións estaban programadas para o mes de outubro), o que prexudicaría a economía e poría en perigo os sacrificios do pobo grego, afirmou o primeiro ministro. Por ese motivo pediu “asumindo toda a miña responsabilidade que disolva o parlamento e convoque eleccións para renovar o mandato popular”.

Syriza afrontará unha campaña electoral co obxectivo de reducir ao mínimo a vantaxe de dez puntos porcentuais que as enquisas dan a Nova Democracia.

A formación do primeiro ministro veu comprometida a súa acción de goberno pola súa suxeición á ortodoxia de Bruxelas (hipoteca que impediu a Tsipras levar a termo o seu programa alternativo á axenda neoliberal) e o pasado 26 de maio levou unha dura derrota electoral nos comicios europeos alcanzando o 24% de voto. Pola contra, o partido comunista KKE non experimentou un incremento das súas expectativas electorais (mantívose no 5,3 por cento) e a socialdemocracia do PASOK, agora integrado na plataforma Movemento pola Mudanza, só conseguiu o 7,72% dos sufraxios.

O avanzo de Nova Democracia en parte tamén foi sobre os votos noutrora do fascista Amencer Dourado, que cedeu 50% do seu electorado, ao pasar do 9,39 de hai 5 anos a un exiguo 4,51 agora.

Comentarios