Grecia garante ao FMI que pagará esta semana os 450 millóns

A directora xeral do Fondo, Christine Lagarde, recibiu a confirmación do pagamento de Varufakis, ministro de finanzas grego.

Christine Lagarde
photo_camera Christine Lagarde

Grecia pagará esta quinta feira o pagamento pendente de 450 millóns de euros do crédito concedido polo FMI. A propia directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Christine Lagarde, confirmou a nova após a xuntanza mantida co ministro de Finanzas grego, Yanis Varufakis. Un encontro cualificado como “informal” por ambas as dúas partes, e no que se centraron en analizar o programa de reformas de Grecia.

O pagamento dos 450 millóns de euros farase esta quinta feira, 9 de abril. Lagarde e Varufakis coincidiron en que a incerteza non é boa para Grecia e subliñaron a aposta común nunha “cooperación efectiva” que favoreza a reactivación económica e a creación de emprego.

Esta fin de semana o vice-ministro grego de Finanzas, Dimitris Mardas, xa sinalara que hai cartos para facer fronte ao pagamento da débeda, así como para pagar salarios, pensións e outros compromisos.

O Estado grego ten que facer fronte este mes a 650 millóns de euros en obrigas exteriores: 450 millóns ao FMI e outros 200 en pagamento de intereses de débeda. Ademais, debe substituír 2.400 millóns de euros en Letras do Tesouro que vencen en abril.

O goberno heleno agarda que coa aplicación das novas reformas presentadas aos socios do Grupo de Bruxelas poida recadar por volta duns 6.100 millóns de euros adicionais.

Comentarios