Grecia dialogará con Turquía se "cesan as provocacións"

O Goberno heleno desacreditou a proposta da OTAN de negociación no seo da Alianza do conflito entre estes dous Estados membros. 
EuropaPress_3288267_26_august_2020_berlin_nato_secretary_general_jens_stoltenberg_speaks_during
photo_camera O secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, nunha foto de arquivo (Michael Kappeler / dpa)

O primeiro ministro grego, Kiriakos Mitsotakis, asegurou na sexta feira, 4 de setembro, que está disposto a dialogar con Turquía tras semanas de crecente tensión en torno ás augas do Mediterráneo oriental e das reservas de gas natural que albergarían, mais só cando Ankara poña fin ás "provocacións".

Durante un encontro co responsábel diplomático do Partido Comunista da China (PCCh), Yang Jiechi, o mandatario grego asegurou que das declaracións do presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, só queda con unha, "a relativa ao diálogo".

"Eu respondo con estas seis palabras claras: Cesa as provocacións, inicia as conversas", sostivo Mitsotalkis, informou o diario grego Kathimerini.

Ademais, anunciou que o ministro de Exteriores heleno, Nikos Dendias, se reuniría este sábado en Nova York co secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, para lle entregar unha carta onde Atenas recolle as que considera violacións cometidas por Turquía nesta zona marítima en disputa.

O primeiro ministro grego insistiu en que Turquía está a levar a cabo actividades que violan "todas as regras da Carta das Nacións Unidas, cunha retórica que distorsiona a historia e adultera a xeografía". Ademais, coas súas accións ─dixo─ está a ameazar a seguridade e a pór en perigo as rutas comerciais e enerxéticas de todo o Mediterráneo. "As actividades ilegais de Turquía requiren unha reacción internacional", reivindicou.

Grecia desminte a OTAN

Horas antes, o Goberno grego corrixira o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, asegurando que o anuncio sobre un diálogo técnico no seo da Alianza para rebaixar as tensións no Mediterráneo oriental "non se corresponde coa realidade".

Segundo informara a OTAN nun comunicado, este proceso era o froito da mediación de Stoltenberg con ambos os aliados, que terían acordado estabelecer "mecanismos para reducir o conflito militar" e "reducir o risco de accidentes" no Mediterráneo oriental.

Atenas, con todo, rebaixou as expectativas, asegurando a información non era correcta, segundo fontes diplomáticas gregas citadas pola cadea pública ERT. Estas aseguraron que o Goberno de Grecia se opuxera á intención do xefe da Alianza de estabelecer mecanismos para aliviar a tensión dentro da OTAN, entendendo que o único que cumpría era que Turquía retirase "inmediatamente" todos os seus barcos da plataforma continental grega.

Fontes da OTAN apuntaron que as conversas ás que aludía Stoltenberg serían en formato bilateral entre Grecia e Turquía.

Comentarios