Grecia converte centros de recepción de persoas refuxiadas en espazos de detención

Médicos sen Fronteiras deixa o centro de Moria (Lesbos) para non ser "cómplices" das deportacións masivas. Acnur obrigou a UE a retirar do acordo con Turquía a referencia explícita á súa axuda.

Idomeni_Gabriel Tizón
photo_camera Campamento de Idomeni [Imaxe Gabriel Tizón]

"Non imos permitir que a nosa asistencia sexa instrumentalizada para levar a cabo unha operación de expulsión masiva". Así de taxativa se amosou a coordenadora xeral de Médicos sen Fronteiras en Grecia, Elisabeth Ingres. Através dun comunicado de imprensa a organización non gobernamental anunciou que abandona o centro de recepción de persoas refuxiadas de Moria (Lesbos) e o cesamento das súas actividades vencelladas ao centro de recepción de persoas refuxiadas de Moria. 

MSF: Non imos permitir que a nosa asistencia sexa instrumentalizada para levar a cabo unha operación de expulsión masiva

"Tomamos esta difícil decisión de cesar as nosas actividades en Moria porque continuar a traballar no interior do centro faríanos cómplices dun sistema que consideramos inxusto e inhumano", explican. "Negámonos a facer parte dun sistema que non ten en conta as necesidades humanas nen de protección dos solicitantes de asilo e migrantes", conclúen facendo referencia á conversión destes espazos en centros de detención semellantes aos Centros de Internamento para persoas Extranxeiras (CIE) que existen no Estado español. 

 

Las expulsiones en Lesbos se están llevando a cabo sin asistencia legal ni garantías mínimas.* Vídeo: Mai_Saki

Posted by CEAR on Martes, 22 de Marzo de 2016

Así as cousas, manterán os seus medios materiais e humanos no seu centro de tránsito en Mantamados, tamén en Lesbos, onde axudan en primeira instancia a aquelas persoas que chegan á illa através do Mar Exeo ao tempo que continuará cos rescates marítimos e coas clínicas móbiles que ten despregadas. 

O peor é que non se van voluntariamente senón que lles obrigan para pór en marcha o acordo, denuncian desde Proactiva

A decisión de MSF prodúcese após o goberno grego iniciar un proceso de fechamento dalgúns dos centros de atención ás persoas refuxiadas e o traslado colectivo --através de ferrys-- das persoas que se atopaban nas illas cara ao territorio continental, principalmente Atenas. "O obxectivo é baleirar as illas", aseguraba o día despois de entrar en vigor o acordo entre a UE e Turquía unha traballadora de MSF en declaracións recollidas por María Antonia Sánchez-Vallejo para El País. "O peor é que non se van voluntariamente senón que lles obrigan para pór en marcha o acordo", acrecentou un voluntario da ONG Proactiva. 

Segundo os dados fornecidos por ACNUR "as autoridades gregas aceleraron a transferencia para o continente dun número estimado de 8.000 refuxiados e migrantes que chegaron ás illas antes do día 20 de marzo. Este era para os separar das persoas que cheguen após esa data e que estarán suxeitas á nova política de devolución".

 As autoridades gregas aceleraron a transferencia para o continente dun número estimado de 8.000 refuxiados e migrantes

A partir do domingo arrivaron en Lesbos 934 persoas que "están sendo mantidos nun rexistro fechado" no campo de Moria. "De acordo coas novas disposicións, eses espazos tornáronse en centros de detención. Así, e de acordo com nosa política de oposición á detención obrigatoria, suspendemos algunhas das nosas actividades en todos os centros fechados nas illas", sinalou a voceira de ACNUR, Melissa Fleming, mesmo o transporte desas persoas desde e para os centros de internamento. 

Desde o Consello europeo tentaron maquillar o contido do acordo e, no concreto, o proceso de deportacións masivas incorporando ao texto do borrador unha referencia explícita á colaboración da Axencia das Nacións Unidas para as persoas refuxiadas (ACNUR). Porén, desde a axencia das Nacións Unidas exixiron a retirada desa mención. "ACNUR non é parte do acordo UE-Turquia, nen imos estar envoltos en retornos ou detencións. Nós imos continuar a axudar as autoridades gregas a desenvolver unha capacidade de recepción acaída", sinalan. 

Con estas explicacións ACNUR saíu ao paso das críticas recibidas por parte de persoal voluntario que axuda as persoas refuxiadas após denunciar que a axencia das Nacións Unidas estaba a colaborar co goberno grego no reasentamento das refuxiadas nos centros de detención.

Comentarios