RESPALDO A TSIPRAS PARA APLICAR AS POLíTICAS PACTADAS COA TROIKA

Grecia: clara victoria de Syriza, alta abstención e derrota da Unidade Popular

[NOTICIA ACTUALIZADA ÁS 7:31 HORAS]. En Grecia non hai neste momento unha alternativa viábel ao dominio político dos partidos que asinaron memorandos -resgates- coa Unión Europea. Este domingo, gañou con clareza a Syriza de Tsipras. A participación foi baixa. No seu discurso da noite eleitoral, Tsipras anunciou que voltaría a formar goberno cos conservadores de Gregos Independentes.

Tsipras
photo_camera Tsipras, exultante co triunfo


A Syriza de Tsipras obtivo unha indiscutíbel vitoria política nas eleccións desde 20 de setembro. Co 99,49% de voto escrutado, a Coligazón da Esquerda Radical (iso é o que significan as súas siglas) obtivo o 35,47% dos votos. Coa prima que lle dá a lei eleitoral feita no seu momento pola dereita, Tsipras faríase con 145 escanos, a apenas 6 da maioría absoluta. A segunda praza, como era de prever, foi para Nova Democracia, co 28,09% e 75 asentos no Parlamento heleno. O PASOK e Potami colleitaron uns magros resultados: o 6,28% dos votos e 17 escanos e o 4,09% e 11 asentos, respectivamente.

Proba incontestábel de que o pobo grego non acha unha alternativa real ás políticas de Tsipras é o mal resultado de Unidade Popular, a escisión de Syriza que comparecía perante o eleitorado como o custodio do proxecto orixinario desta formación da esquerda grega. Non callou a súa mensaxe, talvez por falta de tempo ou dun liderado carismático. Só conseguiu o 2,86% das papeletas, insuficiente para ter escanos (o limiar mínimo para acadar representación é o 3% dos votos).

A terceira praza na pugna eleitoral foi para os nazis de Amencer Dourado, co 6,99% dos sufraxios e 18 escanos.

No novo Parlamento heleno a única oposición desde a esquerda ás políticas de Syriza virá desde as bancadas do KKE. O partido comunista grego, o máis ortodoxo de Occidente, mantén intacta a súa base de apoio, co 5,55% do voto e 15 escanos.

Na séptima praza da carreira eleitoral chegou Gregos Independentes, a escisión de Nova Democracia parceira de goberno de Tsipras. O partido que dirixe o ministro de Defensa Panos Kamenos conseguiu o 3,69% dos votos e 10 escanos. Esa fórmula de goberno é a que continuará dirixindo o país, segundo anunciou Tsipras nunha comparecencia conxunta con Kamenos realizada xa co escrutinio moi avanzado e após a Nova Democracia ter recoñecido a súa derrota.

A alianza Syriza-Gregos Independentes terán unha cómoda maoría absoluta, ao totalizar 155 parlamentares.

Terceiro resgate

O novo goberno de Tsipras terá de aplicar políticas de axuste moi duras, condicionadas polo resgate que asinou con Bruxelas. Os 85.000 millóns de euros que negociou coa Troika átano de mans e brazos. A percepción social de que se vote o que se vote as políticas non se deciden en Grecia, senón en Bruxelas, está moito extendida neste momento no país heleno. Iso explica a baixa participación -apenas votou o 55% do censo- e o baixo perfil da campaña.

En todo caso, Tsipras xa ten o que quería: respaldo popular, lexitimidade democrática, para aplicar as políticas pactadas coa Troika. E ten algo máis: desfaise de Varoufakis e do sector de esquerdas e anti-euro do seu partido que acabou escindíndose de Syriza e que agora, vistos os resultados, parece non ter ningún papel que xogar no taboleiro político grego.

Comentarios