Grecia, aval de Turquía para a expulsión de persoas refuxiadas

O goberno de Syriza recoñecerá Ankara como 'país seguro' en sesión parlamentar o 30 de marzo.

Fronteira de Croacia e Eslovenia_Gabriel Tizón
photo_camera Refuxiado na fronteira de Croacia e Eslovenia [Imaxe Gabriel Tizón]

A Unión Europea está a reaccionar con maior celeridade após a sinatura do acordo que prevé a deportación masiva de persoas refuxiadas que a respeito da xestión dos campamentos nos que moran, como Idomeni ou Calais, milleiros de persoas en condicións de precariedade. 

Após a entrada en vigor do texto, o 20 de marzo, o goberno grego converteu algúns dos centros de recepción de refuxiadas en centros de detención nos que se integran aquelas persoas suxeitas ás novas condicións. Isto é, aquelas que serán deportadas a Turquía após o goberno grego avale este territorio como país seguro. 

Grecia avalará na cuarta feira Turquía como 'país seguro' para iniciar as deportacións

En contra do fixado polo dereito comunitario e internacional nestes espazos de detención están retidas máis dun cento de crianzas e as súas familias xunto con persoas que viaxan soas. Neste senso, a lexislación vixente impide que as menores poidan ser retidas e obriga os estados á súa escolarización. Algo que non está a acontecer en Grecia. 

O aval que o goberno de Syriza dará a Turquía para a recoñecer como 'país seguro' producirase en sesión parlamentar esta cuarta feira (30 de marzo) cando se desenvolva o debate e votación da trasposición ao ordenamento xurídico nacional do acordo. Previsibelmente as deportacións comezarán o vindeiro domingo (3 de abril) e embora non se confirmar oficialmente, todo apunta que atinxirán para alén das máis de mil persoas refuxiadas e migrantes que chegaron ás illas gregas após o 20 de marzo, tamén a aquelas --por volta de 50 mil-- localizadas en territorio continental. Así as cousas, estas persoas estarían suxeitas ao acordo asinado polo Consello europeo en setembro no que se prevía a súa acollida, segundo cotas, polos estados da Unión. Porén, das 120 mil persoas que se comprometeron a reasentar, apenas o foron 937 segundo os dados da Comisión europea

Ningún Estado membro da UE enviou axuda humanitaria ou persoal médico a Grecia mais enviarán 2.500 funcionarios para tramitar as deportacións

De acordo cas autoridades comunitarias cada solicitude de asilo será estudada de maneira individualizada para o que unha vintena de estados membros da UE, entre eles o español, ofreceron o envío dun total de 2.500 funcionarios encargados de tramitar as deportacións. Até o de agora, ningún dos Estados membros da UE enviou axuda humanitaria ou persoal médico a Grecia malia as condicións nas que moran milleiros de persoas refuxiadas. 

Destarte, múltiples iniciativas populares están a agromar na Galiza para recoller roupa, medicamentos e comida que serán enviados a Idomeni. Neste campo, situado na fronteira entre Grecia e Mecedonia, residen desde hai meses por volta de 12 mil persoas, moitas delas crianzas, en condicións de insalubridade. 

Comentarios