A viaxe do Chang’e 4 deu comezo o pasado 8 de decembro. A nave entrou na órbita luar o pasado domingo e esta madrugada conseguiu pousar na superficie do satélite, exactamente ao sul do xigantesco cráter Aitken, o de maior antigüidade e profundidade de todos os que existen na lúa.
É un logro tecnolóxico nunca antes conseguido por ningunha axencia aeroespacial do planeta. A conquista até foi parabenizada pola NASA, cuxo administrador, Jim Bridenstine, debruzouse sobre a súa conta twitter para celebrar o suceso chinés: "Parabéns á equipa da Chang'e-4 da China, polo que parece ser un pouso exitoso no lado afastado da Lúa. Esta é unha primeira vez para a humanidade e unha realización impresionante".
Congratulations to China’s Chang’e-4 team for what appears to be a successful landing on the far side of the Moon. This is a first for humanity and an impressive accomplishment! pic.twitter.com/JfcBVsjRC8
— Jim Bridenstine (@JimBridenstine) 3 de xaneiro de 2019
A dificuldade do ponto de vista técnico da aluaxe da nave chinesa radica en que o planetoide que orbita arredor da terra ten un lado que permanentemente está de costas á terra, o que impide que exista unha comunicación directa. A CNSA (Administración Espacial Chinesa) salvou ese problema co envío, en maio, dun satélite de comunicacións que iría orbitar por volta dun "ponto de equilibrio" entre as gravidades terrestre e lunar que ficaría além da lúa. Desde el se puido contactar tanto coa aeronave ao pousar no astro como co control da misión na China.
Unha vez pousada no noso satélite, a Chang'e-4 ten previsto realizar un experimento para saber se sementes de plantas, patacas e vermes da seda poden prosperar na lúa.