O Gran Polo Patriótico faise con 20 dos 23 Estados de Venezuela

O oficialismo consigue a Alcaldía de Caracas nas eleccións do domingo, amais da Gobernación da maioría dos Estados, 20 de 23.
Unha militar vota nos comicios. (Foto: Stringer / dpa)
photo_camera Unha militar vota nos comicios. (Foto: Stringer / dpa)

Na madrugada do domingo á segunda feira, o presidente do Consello Nacional Electoral de Venezuela, Pedro Calzadilla, fixo públicos os primeiros resultados das eleccións para elixir 23 Gobernacións, 335 Alcaldías, 253 lexisladores rexionais e máis de 2.000 edís.

Co 90,21% das actas escrutadas, Calzadilla revelou que as candidaturas do Gran Polo Patriótico (a coalición liderada polo Partido Socialista Unido de Venezuela ao que pertence o presidente do país, Nicolás Maduro) impuxéronse en 20 dos 23 Estados, e ademais, fixéronse coa alcaldía da capital, Caracas.

O presidente do órgano electoral incidiu en que a xornada “transcorreu en paz, sen feitos notábeis que resten méritos á fortaleza deste proceso electoral”, e comunicou que a participación foi do 41,80%.

Con estes resultados, o oficialismo recupera tres das catro Gobernacións coas que se fixera a oposición en 2017: Táchira, Anzoátegui e Mérida.

Cuns resultados por baixo do que agardaban algúns analistas, que auguraban que até oito ou nove Estados podían caer do lado da oposición, os territorios onde alcanzaron a vitoria foron Cojedes e Zulia (Mesa da Unidade Democrática), así como Nova Esparta, que estará liderado por Forza Veciñal.

A nova alcaldesa de Caracas será Carmen Meléndez, do Gran Polo Patriótico, que sumou o 59% dos votos, informou o Correo del Orinoco.

Nun discurso tras coñecerse os resultados, Maduro valorou a tranquilidade coa que se desenvolveron os comicios, que contaron con 300 observadoras e observadores internacionais, e salientou que é o 29º proceso electoral en 22 anos.

Na intervención, fixo un chamamento “aos gobernadores electos da oposición para traballar da man polo benestar do pobo, fago este chamamento con boa vontade e boa fe”.

Diálogo político

Tamén solicitou aos novos liderados dos Estados que asistan a unha xuntanza nos vindeiros días para potenciar o “Consello Federal de Goberno e imos pór o acento de maneira prioritaria nun diálogo político para a acción con todos os gobernadores e os alcaldes electos”, recolleu o xornal Últimas noticias.

Pola súa banda, o ministro de Relacións Exteriores, Félix Plasencia, destacou no Universal que o proceso foi “unha demostración contundente ao mundo onde 55 países [con observadores electorais] foron testemuñas da moderna plataforma electoral de voto que garante a lexitimidade” dos comicios.

Comentarios