O Govern reactiva os mecanismos para o 14-F pero anuncia que recorrerá a resolución de suspender o adiamento electoral

Todos os partidos do Parlament acordaran adiar as eleccións catalás do 14 de febreiro, uns comicios que suceden á inhabilitación de Quim Torra polos tribunais. Agora, a xustiza impón un novo xiro e marca a vixencia do 14-F até que resolva finalmente os recursos interpostos contra o decreto de adiamento electoral. 
A portavoz do Govern, Meritxell Budó, e o conseller de Acció Exterior, Bernat Solé (Imaxe: Rubén Moreno)
photo_camera A portavoz do Govern, Meritxell Budó, e o conseller de Acció Exterior, Bernat Solé (Foto: Rubén Moreno)

O Tribunal Superior de Xustiza (TSXC) de Catalunya estimou esta terza feira dous recursos -o dun particular e do partido Izquierda en positivo- contra o aprazamento das eleccións catalás. Estas foran convocadas para o 14 de febreiro pero, por mor da pandemia, a pasada sexta feira o Govern asinou un decreto de adiamento dos comicios para o 30 de maio.

Dado que o tribunal tamén aceptou as medidas cautelarísimas solicitadas neses dous recursos de impugnación, a data oficial das eleccións volve ser o 14-F, co que a precampaña fica reactivada e a Xunta Electoral Central trasladou aos partidos e ás xuntas electorais de zona a decisión para seguir co procedemento desde o momento en que quedou interrompido polo decreto do Govern.

Con todo, a decisión do tribunal non quita que este finalmente resolva a prol da suspensión dos comicios. O TSXC xustifica a decisión de aceptar as medidas cautelarísimas para evitar que se perda a finalidade dos recursos interpostos e considera que, for cal for a decisión que finalmente tome, se non suspende agora o decreto do Govern, sería inviábel realizar as eleccións o 14-F se finalmente dá a razón aos recursos. 

Dada a situación, poderíase dar o escenario de que a campaña iniciase o 29 de xaneiro e que non chegase ao seu fin, de o tribunal resolver a favor do decreto do Govern. Por iso, a Generalitat pediu hoxe "celeridade" ao TSXC, ao tempo que recalcou a súa posición contraria a que se vote o 14-F. 

Responsabilizan o PSC

Os partidos do Parlament acordaran suspender as eleccións e a maioría aceptaran trasladadas ao 30 de maio, salvo o PSC, que defendeu votar en marzo e non descartou presentar recurso.

Entidades afíns ao PSC levaron a decisión do adiamento ao TSXC e, aínda que non solicitaron medidas cautelarísimas, desde o soberanismo apuntase á responsabilidade dos socialistas de faceren votar en medio da pandemia, contrapondo así o papel de Salvador Illa como candidato á Generalitat e ministro de Sanidade.

O líder do PSC, Miquel Iceta, acolleu onte a decisión do TSXC con satisfacción afirmando que xa advertira de que había "dúbidas xurídicas" no decreto de adiamento do Govern.

Comentarios