O Govern quere que Sánchez inclúa a autodeterminación se reforma a Constitución española

Pedro Sánchez anunciou esta segunda feira a súa intención de reformar a Constitución española para limitar os aforamentos de cargos políticos. O Govern de Catalunya aproveitou o movemento do presidente español -pensado no medio da treboada política sobre mestrados e teses- para suxerirlle a inclusión na Carta Magna do dereito de autodeterminación.
 

xuntaza do Govern 18 setembro 2018
photo_camera Xuntaza do Govern o 18 setembro. Foto: Govern.

“Se Sánchez cre que o dereito de autodeterminación non está incluído [na norma] e que unha reforma [constitucional] se pode facer pola vía rápida, pódese facer para todos os temas”, afirmou a conselleira de Presidencia da Generalitat, Elsa Artadi. O presidente do Goberno central explicara esta segunda feira que a súa vontade de modificar a Constitución era pola chamada vía exprés.

Elsa Artadi, na comparecencia de prensa posterior á xuntanza do Govern desta terza feira, explicou que, ao seu xuízo, “a solución” que propón a Generalitat “colle dentro do texto. Non é tanto un tema xurídico como unha vontade política de deixar votar os cataláns”.

Tamén Esquerra Republicana se pronunciou a prol de que a refroma constitucional inclúa o dereito de autodeterminación e a posibilidade dun referendo ao respecto. Mais o único que, ate o momento, propuxo Sánchez é unha consulta á poboación catalá sobre o autogoberno.

Comentarios