Govern e partidos cataláns acordan por maioría adiar as eleccións de febreiro ao día 30 de maio

A nova data pactada obtivo o rexeitamento dos comúns, PdeCat e mais do PSC
Pere Aragonés, Roger Torrent e Meritxel Budó durante a rolda de prensa de hoxe. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonés, Roger Torrent e Meritxel Budó durante a rolda de prensa de hoxe. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Os partidos con representación no Parlament catalá e no Goberno da Generalitat tiveron esta sexta feira unha xuntanza para decidir se se mantiña a convocatoria de eleccións prevista para o 14 de febreiro. As formacións decidiron, por consenso absoluto, adiar a cita e a maioría das formacións optaron polo 30 de maio como nova data.

O vicepresidente en funcións da Generalitat, Pere Aragonès, foi quen propuxo diante da Mesa do Parlament ese día, e conseguiu o apoio JxCat, ERC, CUP, Ciudadanos e os Populares. A aliñación das formacións independentistas en favor do adiamento para o 30 de maio favoreceu que a decisión se adoptase por maioría.

Entre as formacións que votaron a favor da nova data, alén dos independentistas, encontrábanse Ciudadanos e mais o Partido Popular. Os populares, a pesar dese apoio, criticaron que non houbera debate xa que o Govern levaba a data do adiamento prefixada. O seu secretario xeral, Daniel Serrano, aclarou que "o Govern non fixo os deberes, porque hai tempo que se sabía que en Catalunya había eleccións e tiña que ter previstas as medidas necesarias para que se puidese votar”.

O candidato de Ciudadanos, Carlos Carrizosa, declarou que “se impuxo ao final o sentido común” e destacou que a decisión se tomara “para protexer a saúde da cidadanía”.

Na banda que se opuña á nova data estiveron Comúns, PSC e PdeCat. Os primeiros pediron a Aragonés que fixara unha data, cando o vicepresidente propuxo o mes de maio sen máis concreción, e unha vez proposto o día 30, os comúns manifestaron a súa preferencia polo día 16 de maio.

A candidata de Comúns, Jéssica Albiach, comentou que é unha noticia positiva que os grupos "aforren a batalla partidista para conseguir esta data", na que cre que se poderá garantir,  tanto o dereito ao voto como o dereito á saúde. Tamén recoñeceu que o adiamento electoral é unha "anomalía", pero considera que é de sentido común apoialo estando na terceira vaga da Covid-19 e tendo en conta que as persoas expertas avisaban da saturación de hospitais e UCI arredor do 14 de febreiro.

O PSC propuxo realizar os comicios o 14 ou o 21 de marzo e unha vez aceptada a proposta de Aragonés recalcaron que estarán atentos aos detalles do decreto. Miquel Iceta amosou a súa indignación e deixou claro que o PSC "se opón ao adiamento" e non descarta impugnalo.

Desde o PdeCAT, que expresara que avalarían unha proposta que xerara acordo entre JxCat e ERC, explicaron que preferirían que os comicios decorresen aínda antes, ou o 30 de abril ou a comezos de maio.

Comentarios